Lanzamento da Rede de (CIBER)SEGURIDADE na Xestión dos Sistemas de Auga
- A xornada, que se celebrará o 21 de novembro no CITIC, está organizada coa colaboración da Cátedra INCIBE e poderá seguirse de forma presencial ou vía streaming.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá o próximo 21 de novembro a xornada de lanzamento da Rede de (CIBER)Seguridade na Xestión dos Sistemas de Auga Urbanos e Industriais, unha iniciativa organizada pola Cátedra INCIBE en Dixitalización e Ciberseguridad Hídrica da Universitat de Girona (UdG).
Esta actividade está financiada pola Unión Europea – NextGenerationEU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) a través do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), dependente do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial.
Esta cátedra pioneira ten como obxectivo impulsar a protección das infraestruturas hídricas fronte ás crecentes ameazas dixitais. O encontro, que se celebrará no CITIC de 10:00 a 17:30 horas, reunirá a representantes do ámbito académico, empresarial e institucional para abordar os retos actuais da dixitalización e a ciberseguridade no ciclo integral da auga.
Esta iniciativa reforza o compromiso de Galicia coa innovación, a sustentabilidade e a protección dos recursos hídricos. O acto será en formato presencial e poderá seguirse en streaming. As inscricións están abertas a través do formulario dispoñible nesta ligazón.
A apertura institucional correrá a cargo de Manuel González Penedo, director do CITIC, e Ignasi Rodríguez-Roda Layret, director da Cátedra INCIBE de Dixitalización e Ciberseguridade Hídrica da UdG. Durante a xornada presentaranse experiencias e proxectos que poñen de manifesto a necesidade de reforzar a resiliencia dos sistemas de abastecemento fronte a posibles riscos tecnolóxicos e ataques informáticos. Entre as intervencións destaca a de Jorge José Delgado Martín, investigador do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil) da Universidade da Coruña, quen expoñerá o caso da Conca Mero-Barcés como modelo de laboratorio natural para a xestión sostible do abastecemento urbano. Tamén participarán os investigadores internacionais Robert Kooij, da Universidade de Tecnoloxía de Delft, e Maarten de Kruijf, do centro TNO dos Países Baixos, que ofrecerán unha visión global sobre a ciberseguridade aplicada aos sistemas de auga.
Ao longo da xornada celebrarase unha mesa redonda con expertos de referencia no ámbito da ciberseguridade e a xestión hídrica, entre eles profesionais da Cátedra INCIBE, da empresa municipal de augas EMALCSA, da Universidade de Santiago de Compostela e do propio CITIC. Ademais, presentarase a ferramenta Poseidón, desenvolvida polas empresas Inprosec e Tecdesoft, unha solución innovadora que permite avanzar no cumprimento da nova directiva europea NIS2 e mellorar a protección dos sistemas de auga urbanos fronte a posibles ciberameazas.
O evento incluirá tamén espazos de encontro e colaboración que facilitarán o intercambio de experiencias entre os participantes. A xornada concluirá cunha visita á plataforma MEDUSA #4, situada no CITEEC, unha contorna de simulación avanzada que permite experimentar con tecnoloxías aplicadas á dixitalización e a seguridade da auga.