CITIC

Chega unha nova edición do Big Data Coruña 2018

01/10/2018

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá o xoves 4 e venres 5 de outubro a cuarta edición do evento internacional Big Data, que reunirá a expertos en tecnoloxía e analítica de datos en dúas xornadas que abordarán os novos retos aos que se enfronta esta disciplina.

Este encontro está organizado pola investigadora do  CITIC Amparo Alonso-Betanzos, que é tamén presidenta da Asociación Española para a Intelixencia Artificial e Catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC; e David Martínez, investigador da área Big Data da  University  College  London ( UCL) e director da área de investigación de  Spartan Data. Conta coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións ( CITIC) da UDC, a Xunta de Galicia, a Rede Española de Big Data e Análise de datos escalables e a  Rede  Galega de  Tecnoloxías  Cloud e Big Data para  HPC.

Big Data Coruña 2018 servirá de punto de encontro entre a comunidade académica, pero tamén para empresas e organizacións interesadas no Big Data, un campo que é tendencia tanto pola súa aplicación como pola súa posta en valor nunha ampla variedade de ámbitos.

Todas as persoas interesadas, poden inscribirse ata o 2 de outubro a través deste formulario.