
Máis de 100 estudantes resolven retos de ciberseguridade na CITIC Cyber Competition
24/02/2022 – CITIC
- O evento celebrouse de forma simultánea no CITIC da UDC, atlanTTic da UVigo e online.
- Estudantes de diferentes niveis educativos participaron na competición, na que se premiou con galardóns de 1000, 700 e 300 € aos tres equipos gañadores.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña e atlanTTic da Universidade de Vigo acolleron este mércores 23 de febreiro a CITIC Cyber Competition – C3TF, unha competición celebrada simultaneamente en ambos centros de investigación e de forma online, que reuniu a máis de 100 estudantes para resolver retos de ciberseguridade. A Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade) colaboraron no evento.
O C3TF tivo a finalidade de promover o desenvolvemento das habilidades en seguridade informática de estudantes de calquera nivel educativo. Así, déronse cita estudantes de bacharelato, Formación Profesional, Grao e Máster, organizados nun total de 33 equipos. Durante 4 horas, enfrontáronse a 22 retos nos ámbitos da esteganografía, criptografía, forense, entre outras categorías.
A CITIC Cyber Competiton premiou aos tres equipos gañadores con galardóns de 1000, 700 e 300 € cada un. O equipo que máis puntuación obtivo foi XORprecha, composto por José Ángel Álvarez Sánchez, Álvaro Manso Porteiro, Ismael Melchor Juan, Pedro Jose Navas Pérez e Esteban Segura Ripoll; o segundo premio acadouno o equipo El sindicato del flag, formado por Manuel Orois García, Olalla Rama García, Armando Nogueira Río e Gabriel Díaz Guimaraens; e o terceiro galardón foi para quackbomb, equipo conformado por Ignacio Borregán Naya, Daniel Feito Pin, Clara Barrios Hermida, Santiago Julio Iglesias Portela e Pablo Longueira Failde.
O acto de apertura contou coa presenza do director do CITIC da Universidade da Coruña, Manuel F. González Penedo; o director de atlanTTic da Universidade de Vigo, Martín Llamas Nistal; o vicedecano de Recursos Informáticos da Facultade de Informática da UDC, Carlos Fernández Lozano; e o director de R, Alfredo Ramos González. Todos eles coincidiron na importancia da ciberseguridade en numerosos aspectos da sociedade actual e na necesidade de apostar por actividades e eventos destas características que fomenten o interese por esta área de coñecemento entre as xeracións máis novas.
Os coordinadores do MUNICS na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo, Francisco Javier Nóvoa Manuel e Ana Fernández Vilas, respectivamente, interviñeron no acto de clausura para animar aos participantes a decantarse por este programa de estudio especializado para continuar a súa formación.





