CITIC

Máis de 250 estudantes participan na feira científica de Talentos Inclusivos

14/06/2024 - CITIC
  • Os 15 centros educativos participantes expuxeron os proxectos desenvolvidos neste curso 2023/2024 nun evento aberto ao público no centro sociocultural Ágora (A Coruña).
  • Estudantes de toda Galicia idearon solucións tecnolóxicas para persoas con parálise cerebral a través deste proxecto colaborativo, posto en marcha polo CITIC da UDC en colaboración con ASPACE Coruña e co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, a FECYT do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.

A Coruña, 14 de xuño de 2024.- Talentos Inclusivos celebrou hoxe a súa feira científica no centro sociocultural Ágora (A Coruña) coa que pecha a súa cuarta edición. Nela participaron máis de trescentos estudantes, profesores, investigadores do CITIC e usuarios de ASPACE Coruña e Amencer-ASPACE. O proxecto colaborativo posto en marcha polo CITIC da UDC en colaboración con ASPACE Coruña contou este ano coa participación de 15 centros escolares de toda Galicia, que desenvolveron soluciones TIC para persoas con parálise cerebral tales como unha cámara de fotos accesible, fechaduras electrónicas, unha mesa de arteterapia e rehabilitación ou a adaptación de xogos clásicos como “Simón di”.

Estudantes, docentes e usuarios das asociacións compartiron durante a xornada os retos TIC, así como as solucións tecnolóxicas levadas a cabo durante este curso escolar. Un evento aberto ao público, que contou coa participación de representantes das entidades que apoian o programa, como a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a concelleira de Benestar Social do Concello da Coruña, Yoya Neira; o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Expósito; a presidenta de ASPACE Coruña, Carmen Barreiro e o director do CITIC, Manuel Penedo.

“Estamos moi satisfeitos de ver que Talentos Inclusivos é unha iniciativa que cada ano involucra a máis persoas e logra un maior alcance social e territorial”, sinalou o director de CITIC, quen resaltou a singularidade deste proxecto “pioneiro á hora de fomentar as vocacións TIC entre os estudantes de Secundaria, Bacharelato e FP e dar visibilidade á discapacidade”.  

Na mesma liña, a presidenta de ASPACE Coruña, Carmen Barreiro, indicou que “a comunidade educativa e as entidades sociais debemos ir da man para alcanzar esa innovación cun coñecemento compartido, coa experiencia que nos dá a nosa traxectoria e co compromiso firme de que todas as persoas, con ou sen discapacidade, teñen moito que achegar para alcanzar unha sociedade máis inclusiva e participativa, onde ninguén quede atrás.”

Na mesma liñas o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas lembrou que a Lei de Universidades “establece relacións de colaboración con entidades públicas e privadas para realizar actividades que beneficien á sociedade e non se me ocorre unha iniciativa mellor que reflicta este compromiso” e reafirmou o compromiso da UDC para seguir traballando nesta liña.

Precisamente, o valor social do proxecto foi un dos aspectos destacados pola conselleira de Política Social, Fabiola García, quen agradeceu a implicación de todas as “partes fundamentais para a posta en marcha deste proxecto pioneiro a nivel nacional, como o CITIC, ASPACE e os máis de 200 alumnos que puxeron a disposición das persoas con parálise cerebral estas solucións tecnolóxicas” e trasladoulles o respaldo do seu departamento para seguir colaborando en futuras edicións.

A tecnoloxía ao servizo das persoas

Ao longo da mañá, alumnos, profesores, persoal investigador e persoas con parálise cerebral tiveron a oportunidade de compartir co público asistente as súas experiencias no desenvolvemento dos retos expostos por ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP. Entre os proxectos postos en marcha puidéronse ver modelos de impresión 3D para guiador da bici, unha cámara de fotos accesible, timbres inalámbricos, fechaduras electrónicas, unha mesa de arteterapia e rehabilitación, un ventilador holográfico ou adaptadores para xogos clásicos como “Simón di”, entre outros.  Durante a feira, os estudantes participaron nun concurso no que tiveron que responder a preguntas sobre os retos expostos polos centros educativos, resultando os gañadores premiados cun dron e uns auriculares inalámbricos.

Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña)  e  ASPACE Coruña, e que conta co apoio da a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC;  Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.

O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP.