CITIC
Foto_Acto presentación resultados Talentos Inclusivos_2

Máis dun centenar de estudantes de secundaria e bacharelato achegan solucións tecnolóxicas para persoas con diversidade funcional

22/06/2021 – CITIC

  • Esta mañá tivo lugar o acto de presentación de resultados do proxecto Talentos Inclusivos.
  • A iniciativa foi desenvolvida polo CITIC da UDC e ASPACE Coruña, co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu esta mañá o acto de presentación de resultados do proxecto Talentos Inclusivos, posto en marcha polo CITIC xunto con ASPACE Coruña, co apoio do Consello Social da UDC, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta. Durante todo o curso académico, máis dun centenar de estudantes de centros educativos da provincia da Coruña desenvolveron solucións tecnolóxicas para retos propostos por persoas con parálise cerebral, usuarios de ASPACE Coruña. Desta forma, o obxectivo da iniciativa foi espertar vocacións tecnolóxicas entre estudantes de secundaria e bacharelato, á vez que se visibiliza a diversidade funcional.

Esta mañá, os equipos participantes, compostos por alumnado de secundaria e bacharelato de oito centros educativos e usuarios de ASPACE Coruña, presentaron os traballos desenvolvidos, entre os que se atopa un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D.

O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, encargado da apertura do acto, destacou que “co proxecto Talentos Inclusivos, o CITIC cumpre coa misión para a que foi creado, a de proporcionar coñecemento científico en TIC en beneficio da sociedade”. Posteriormente, o investigador principal do proxecto e coordinador no CITIC, Javier Pereira Loureiro, e o coordinador do proxecto en ASPACE Coruña, Rubén Carneiro Medín, introduciron os diferentes equipos de traballo, que presentaron as solucións tecnolóxicas. Javier Pereira avanzou que o proxecto Talentos Inclusivos terá unha nova edición o próximo curso.

A mesa de peche estivo moderada polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, que afirmou que “Talentos Inclusivos é un proxecto emblemático, unha aproximación a un desenvolvemento tecnolóxico práctico e un exemplo de que a transformación dixital ten que estar baseada en valores éticos”.

A presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro Santos, manifestou que “este proxecto demostra que non existen barreiras cando hai apoio da tecnoloxía e traballo de investigación”.

Pola súa banda, a membro do pleno do Consello Social da UDC, Nona Inés Vilariño Salgado, destacou que “o traballo cooperativo deste proxecto está a contribuír a acadar un cambio social, e pon en valor unha das capacidades máis humanas que existen: a empatía”.

O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña, Jesús Javier Celemín Santos, reiterou que “accións como esta axudan a construír unha sociedade máis igualitaria, xusta e democrática”.

Seguidamente, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, recalcou que “Talentos Inclusivos é un exemplo de unión e colaboración e unión, que divide o esforzo e multiplica os resultados. Dende a Xunta imos apoiar sen reservas esta iniciativa”.

Finalmente, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, Imma Aguilar Nàcher, participou por videoconferencia, e asegurou que “dende a FECYT seguiremos colaborando nos próximos anos con esta iniciativa, que estou segura de que axudará a moita xente a que a súa vida sexa un pouco máis fácil”.