CITIC

Marina Otero aborda os retos do almacenamento dixital e a crise climática na conferencia “Nas profundidades da nube” da Cátedra INDITEX-UDC

30/05/2025 - CITIC
  • A charla terá lugar no CITIC o venres, 6 de xuño, ás 12:00 horas con entrada libre ata completar aforo.

A Coruña, 23 de maio de 2025 – A Cátedra INDITEX-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes retoma o seu ciclo de conferencias “Converxencia verde: IA para un futuro sustentable” cunha convidada de referencia internacional: Marina Otero Verzier, profesora na Graduate School of Architecture, Planning and Preservation (GSAPP) da Columbia University (Nova York). A charla terá lugar no CITIC da UDC, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

A súa conferencia, titulada “Nas profundidades da nube”, terá lugar o venres 6 de xuño ás 12:00 h, na Sala Cloud do CITIC, no Campus de Elviña da Universidade da Coruña, con entrada libre ata completar aforo. Para inscribirse só é necesario encher este formulario.

Na súa intervención, Otero explorará os modelos futuros de almacenamento dixital desde unha perspectiva crítica e interdisciplinar. Partindo das implicacións ambientais e sociais da chamada “nube” —incluíndo o seu elevado consumo de enerxía e a externalización da nosa memoria dixital a grandes corporacións—, proporá novas formas de deseñar infraestruturas dixitais que integren arquitectura, cultura dixital e preservación, desde unha lóxica feral, relacional e situada.

A conferencia enmárcase dentro da iniciativa Data Mourning, un proxecto liderado por Otero en Columbia, centrado na intersección entre infraestruturas dixitais e crise climática.

Este evento supón unha oportunidade única para reflexionar sobre o futuro do almacenamento de datos e o papel da arquitectura e a IA no deseño de sistemas máis sustentables, críticos e humanos.

Sobre Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes

A Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da intelixencia artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes:

  • Desenvolver programas de formación en IA verde.
  • Promover a investigación e a innovación no ámbito da IA verde mediante a identificación de retos e o fomento da cooperación público-privada.
  • Facilitar a transferencia e explotación dos resultados da investigación da cátedra mediante a comercialización de servizos e produtos e a creación de spin-offs.
  • Promover a difusión dos resultados da investigación e do coñecemento en IA verde mediante a publicación de artigos e a organización de eventos e actividades de divulgación e ciencia cidadá.
  • Consolidar a cátedra como referente no ámbito da IA verde a nivel rexional, nacional e internacional mediante a participación en eventos e grupos de traballo, a colaboración con outras institucións e a identificación de oportunidades de financiamento.

Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes – sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón- que require o apoio de grupos de investigación do campo da intelixencia artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.

A Cátedra conta con financiamento público competitivo a través das axudas “Cátedras ENIA”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, grazas ao apoio do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Para máis información, contactar coa Cátedra (catedra.inditex.algoritmos.verdes@udc.gal), o CITIC ou o Gabinete de Comunicación da Universidade da Coruña.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, así como unha área transversal: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).