CITIC
20230306_101319

Matemáticas para predicir o risco de cardiotoxicidade en cancro de mama

07/03/2023 – CITIC

  • Un equipo investigador do CITIC da UDC da os primeiros pasos nun proxecto que permite medir a probabilidade de padecer cardiotoxicidade en mulleres que reciben tratamentos potencialmente cardiotóxicos
  • A anticipación en base ás variables clínicas, a mellora da calidade de vida das enfermas e novas vías na medicina personalizada, principais obxectivos do traballo
  • O estudo levouse a cabo nun total de 531 pacientes do Hospital Universitario da Coruña durante os anos 2007 e 2021

O de mama é o primeiro cancro entre a poboación feminina e un dos de maior incidencia en Galicia. Cada ano detéctanse na nosa comunidade máis de 2.000 novos casos, segundo datos do Observatorio contra o Cancro da AECC. Un equipo de investigadores do CITIC da UDC vén de rematar a primeira fase dun estudo estatístico que mide a probabilidade de padecer cardiotoxicidade en mulleres que reciben tratamentos potencialmente cardiotóxicos. O traballo é froito da colaboración con Alberto Bouzas Mosquera e Cayetana Barbeito Caamaño, cardiólogos pertencentes ao INIBIC.

A clave está en poder estimar, en función das variables clínicas que obtemos a través de técnicas ecocardiográficas denominadas Doppler, a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, así como coñecer o tempo que pode transcorrer ata que a paciente desenvolve a doenza”, explica a investigadora do CITIC da UDC Beatriz Piñeiro Lamas. Tema central da súa tese de doutoramento e de diversos congresos científicos, o estudo rexistrou datos de 531 pacientes do Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) durante os anos 2007 e 2021.

Medicina de precisión coa máis precisa das ciencias

O traballo codirixido desde o CITIC por Ricardo Cao e Ana López Cheda, está encamiñado a abrir novas e esperanzadoras vías no campo da medicina oncolóxica personalizada a través das matemáticas, “de maneira que poidamos responder a preguntas concretas como: cal é a probabilidade de padecer cardiotoxicidade, que factores poden facer que esa probabilidade aumente, cal é o período de maior risco ou que factores poden atrasar a aparición da cardiotoxicidade, sinala Beatriz Piñeiro. “En todos eles, medir a variable tempo pode resultar esencial para ser capaces de anticiparnos á enfermidade, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das pacientes”, conclúe a investigadora do CITIC. A estatística aplicada á saúde ten neste estudo unha nova evidencia da funcionalidade das matemáticas na toma de decisións en xestión sanitaria.

 Efectos adversos dos fármacos

O trastuzumab é un dos tratamentos potencialmente cardiotóxicos de uso común en quimioterapia que se adoita empregar en cancro de mama. Pódese usar para tratar esta enfermidade en fase inicial ou avanzada.  Para arredor do 20% das pacientes con cancro de mama cuxos tumores sobreexpresan a proteína HER2, o uso de trastuzumab (un anticorpo humano dirixido contra esta proteína) é unha opción terapéutica importante para o tratamento de casos metastásicos ou localmente avanzados. A disfunción ventricular por trastuzumab soe ser habitual. A súa detección precoz mediante técnicas de imaxe (ecocardiogramas) permite a modificación de protocolos terapéuticos e o inicio de fármacos cardioprotectores que contrarresten o seu efecto negativo. O uso  avanzado da estatística ó inicio do tratamento con efecto anticipativo, tal e como se presenta no traballo do CITIC, pode converterse nun poderoso aliado na mellora da calidade de vida das pacientes.