CITIC
encontro cátedras udc

Membros do CITIC que dirixen cátedras na UDC participan nun encontro para favorecer sinerxías entre elas

27/10/2022 – CITIC

O persoal investigador do CITIC Javier Pereira, Marcos Ortega, Laura Castro e Luis Hervella participaron este mércores 26 de outubro no primeiro Encontro da Dirección das Cátedras e Aulas Institucionais da UDC, celebrado no Edificio Normal do Campus de Riazor. O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, tamén investigador do centro, fixo un acto de presentación neste encontro que se organiza coa finalidade de favorecer o coñecemento mutuo e apuntar posibles sinerxías.

O subdirector Javier Pereira dirixe a Cátedra Handytronic-Grupo Telecon sobre Bioinformática e Informática para Ciencias da Saúde; Marcos Ortega está ao fronte da Cátedra ITG-CITIC en Tecnoloxías de Aeronaves non Tripuladas desde 2021; Laura Castro é a directora da Cátedra para impulsar a ciencia aberta a través do software (CICAS), creada xunto con Corunet; e Luis Hervella coordina a Cátedra NTT Data en Transformación Dixital.

O encontro serviu como punto de partida de futuras actuacións e proxectos que axuden a crear unha rede de colaboración e intercambio de boas prácticas entre todas as cátedras e aulas institucionais, favorecendo sinerxías que potencien a efectividade e a transferencia de coñecemento, ademais de comunicar á cidadanía os beneficios directos que estas xeran a nivel socioeconómico.

As cátedras e aulas institucionais son un mecanismo para estreitar a interrelación entre a Universidade e o sector produtivo, que permiten desenvolver actividades non lucrativas específicas de formación, de divulgación, de transferencia de coñecemento e de investigación nos ámbitos de interese común para a empresa e a Universidade.

A Universidade da Coruña conta con 25 cátedras e 3 aulas, que aportan máis de 1,4 millóns de euros para tarefas de transferencia de coñecemento, docencia e investigación.