Minia Manteiga asiste á presentación mundial da primeira imaxe do buraco negro situado no centro da Vía Láctea
13/05/2022 – CITIC
A investigadora do CITIC Minia Manteiga, que actualmente exerce o cargo de vicepresidenta da Sociedade Española de Astronomía (SEA), asistiu onte, na sede do CSIC de Madrid, ao acto de presentación da primeira imaxe dun buraco negro situado no centro da nosa galaxia, a Vía Láctea.
Saxitario A*, así se denomina o achado, é catro millóns de veces máis masivo que o Sol e foi captado polo proxecto internacional Telescopio Horizonte de Sucesos (EHT), que uniu oito radiotelescopios distribuídos ao longo de todo o planeta para formar un só telescopio virtual do tamaño da Terra. O esforzo foi posible grazas ao enxeño dun equipo de máis de 300 persoas de 80 institutos de todo o mundo que forman a colaboración EHT. Este resultado constitúe unha evidencia abafadora de que o obxecto é realmente un buraco negro e achega valiosas pistas sobre o funcionamento destes xigantes que, crese, residen no centro da maioría das galaxias.
O acto do CSIC en Madrid estivo presidido pola súa presidenta, Rosa Menéndez; e foi presentado polo director do Instituto de Astrofísica de Andalucía ( IAA-CSIC), Antxon Alberdi. O evento tamén contou coa presenza do equipo de científicos españois que participou no descubrimento e que xa en 2019 obtivo a primeira imaxe histórica dun buraco negro, situado na galaxia Messier 87.