CITIC

Minia Manteiga, designada como membro do novo Consello Asesor de I+G+i de Galicia para impulsar a investigación e a innovación

15/10/2025 - CITIC

A investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, Minia Manteiga, foi designada pola Xunta de Galicia como unha das 12 persoas expertas que formarán parte do novo Consello Asesor de Investigación e Innovación de Galicia (I+G+i).

Este órgano consultivo ten como obxectivo reforzar o avance da ciencia, a investigación e a innovación en Galicia, ofrecendo asesoramento especializado á administración autonómica na definición de estratexias e prioridades en materia de I+D+i. Ademais, participará na elaboración da nova Lei de Ciencia e Innovación de Galicia.

O Consello estará composto por profesionais de recoñecido prestixio dos ámbitos académico, científico e tecnolóxico, tanto galegos como internacionais.

Con esta designación, Minia Manteiga reforza o seu papel como referente en astrofísica computacional e ciencia de datos, áreas nas que o CITIC é centro de excelencia. A súa participación contribuirá a fortalecer a colaboración entre institucións académicas, centros de investigación e o tecido empresarial galego, impulsando un modelo de desenvolvemento baseado no coñecemento e na innovación.

Para a catedrática da UDC, a súa experiencia permitiralle “aportar unha visión interdisciplinar sobre como a tecnoloxía e a análise avanzada de información poden impulsar a investigación e a innovación en Galicia, contribuír en áreas estratéxicas de desenvolvemento, favorecer a transferencia de coñecemento e promover políticas que reforcen un sistema de I+D+i aberto, sostible e competitivo”.

Tal e como subliña a investigadora do CITIC, “o persoal científico e tecnolóxico que integra este órgano pode contribuír a impulsar áreas nas que Galicia é referente, como é o caso da biotecnoloxía, así como aquelas nas que existe potencial para chegar a selo, como o desenvolvemento espacial”. Este impulso, engade, pasa por “reforzar as condicións laborais e as perspectivas de futuro en ciencia. Investir en persoal científico fortalece o sistema de I+D+i de Galicia e impulsa o progreso económico, social e cultural da comunidade”.

Xunto con Minia Manteiga, o novo Consello Asesor de Investigación e Innovación de Galicia estará formado por un total de doce persoas expertas de recoñecido prestixio. Entre elas atópanse o catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo; a catedrática da UVigo Concepción Paz; a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda; e o director científico do CiTIUS, Senén Barro.

No ámbito das políticas públicas de I+D+i participan o director xeral da Fundación Cotec para a Innovación, Jorge Barrero; o exdirector xeral de Agricultura e de Investigación da Comisión Europea, Cuqui Silva; e Paloma Domingos, directora adxunta da Fundación Xeral do CSIC.

O sector da innovación e do emprendemento está representado por Jesús Lago, director xerente do centro tecnolóxico Aimen; Santiago Domínguez, CEO de Mestrelab Research; Sara Rodríguez, CEO de Hermasa Canning Technology; e Sonia Martínez, doutora en Bioloxía Molecular e fundadora de Batea Oncology.

O órgano contará ademais coa participación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, que exercerá a secretaría do Consello.