Minia Manteiga participará nun encontro de investigadores españois en Suíza, Italia e Francia no CERN
03/11/2022 – CITIC
A investigadora do CITIC da UDC, Minia Manteiga, participa o próximo 19 de novembro no Encontro de investigadores españois en Suíza, Italia e Francia no Centro Europeo para a Investigación Nuclear (CERN), en Xenebra. A cita, na que comparte cartel co referente español en investigación oncolóxica, Mariano Barbacid do CNIO, está organizada pola Asociación de Científicos Españois en Suíza (ACECH). Compartir cos asistentes a súa experiencia investigadora nos ámbitos da astrofísica e a oncoloxía e axudar a coñecer máis a fondo estas disciplinas científicas é o obxectivo do encontro, que inclúe unha visita guiada polas instalacións do CERN, ademais de espazos de intercambio e discusión.
Máis preto da investigación espacial
A investigadora do CITIC expoñerá as claves dos principais avances en investigación espacial no ámbito da caracterización de exoplanetas, planetas que orbitan estrelas diferentes do Sol. Actualmente, a exoplanetología é unha das áreas de maior desenvolvemento en Astrofísica e as novas misións espaciais, como o telescopio espacial James Webb, inclúena entre os seus programas prioritarios. Actualmente xa se dispón de instrumentación embarcada en satélites que permite medir a composición química e as propiedades da atmosfera dalgúns destes planetas e avánzase na dirección de caracterizar a atmosfera de planetas de tipo terrestre situados na Zona de Habitabilidade das súas estrelas (rexión na cal é posible a existencia de auga líquida nas súas superficies) e de propoñer biomarcadores observables que permitan recoñecer a presenza de vida nos planetas.
ACECH, ponte científica entre España e Suíza
A Asociación de Científicos Españois en Suíza é unha organización independente sen ánimo de lucro creada por e para a comunidade de investigadores españois asentados en Suíza. Fundada en novembro de 2017, a asociación pretende servir de rede profesional de apoio mutuo e reforzar a colaboración entre España e Suíza, canalizando e divulgando os intereses e actividades dos seus membros fronte ás autoridades e sociedades civís de ambos os países.