CITIC
© Miguel Miramontes/Roller Agencia

Nieves R. Brisaboa é designada coordinadora da área TIC para proxectos internacionais da Axencia Estatal de Investigación

17/03/2022 – CITIC

© Miguel Miramontes/Roller Agencia

A investigadora do CITIC Nieves R. Brisaboa foi nomeada coordinadora da área TIC para proxectos internacionais da Axencia Estatal de Investigación ( AEI). Desta forma, pasa a ser xestora da área científica de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC), en concreto, dentro da subárea de ciencias da computación e tecnoloxía informática.

Como colaboradora da Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, Brisaboa realizará tarefas de avaliación e seguimento científico-técnico de actividades, proxectos, infraestruturas científicas e recursos humanos. A súa función é asesorar e colaborar na xestión, avaliación e supervisión dos programas e convocatorias da AEI, identificando os mellores proxectos, persoal investigador, infraestruturas e outros recursos, que reúnan méritos para ser financiados. Así mesmo, será interlocutora entre a AEI e a comunidade científica do seu ámbito científico-técnico.

Nieves R. Brisaboa é catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade da Coruña. En 2019 recibiu o Premio Nacional de Informática, concedido pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. Foi xestora do Plan Nacional de I+D en Tecnoloxías Informáticas (TIN), xestora do Plan Galego de I+D+i (INCITE) de Sociedade da Información e coordinadora no ámbito das TIC do Plan Andaluz de I+D+i, entre outros cargos.