CITIC
04_Nieves Rodríguez Brisaboa

Nieves R. Brisaboa é unha das investigadoras destacadas na plataforma “Científicas e Innovadoras” do Ministerio de Ciencia

16/11/2022 – CITIC

A investigadora do CITIC Nieves R. Brisaboa foi seleccionada para formar parte da plataforma “Científicas e Innovadoras”, un proxecto do Ministerio de Ciencia e Innovación a través da súa Unidade de Mulleres e Ciencia e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Esta iniciativa ten a finalidade de dar visibilidade e poñer en valor a científicas e innovadoras españolas recoñecidas no ámbito nacional e internacional. As investigadoras seleccionadas destacan polo seu importante labor científico-técnico nas súas diferentes disciplinas e son referentes para as novas xeracións de investigadoras.

Desta forma, Nieves R. Brisaboa é recoñecida na área temática de Ciencias Tecnolóxicas. Brisaboa é catedrática da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos da UDC, dirixiu múltiples proxectos de I+D+i tanto do Plan Nacional, como autonómicos e internacionais, e estivo implicada en proxectos de innovación e transferencia de tecnoloxía a empresas e administracións públicas. Tamén desenvolveu actividades de xestión da investigación como xestora do Plan Nacional de I+D en Tecnoloxías Informáticas, como presidenta da área de Tecnoloxías da Información na Axencia Andaluza do Coñecemento, e recentemente foi nomeada Xestora de Proxectos Internacionais TIC pola Axencia Española de Investigación. Grazas á súa destacada actividade investigadora, en 2019 obtivo o Premio Nacional de Informática outorgado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) – Fundación BBVA (2019).