
Novos métodos para mellorar a estimación de datos socioeconómicos en áreas pequenas no TIC Talk de marzo
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu hoxe dous relatorios centrados na mellora da estimación de datos socioeconómicos en áreas pequenas. Estas investigacións abordan problemáticas clave como a predición do número de mozos que nin estudan nin traballan (coñecidos como “ninis”) e a estimación das taxas de paro a nivel municipal.
O investigador Alexandro Aneiros Batista presentou o seu estudo titulado «Estimación en áreas pequenas: cando e por que? Aplicación á predición de ninis», no que propuxo un método innovador para estimar con maior precisión o número de ninis en cada provincia de España. O seu enfoque combina enquisas e diversas fontes de información para mellorar a calidade dos datos e garantir a coherencia coas cifras oficiais autonómicas. A Enquisa de Poboación Activa foi a principal referencia utilizada neste estudo.
Pola súa banda, María Bugallo Porto expuxo a relatorio «Estimación en áreas pequenas: cando e por que? Aplicación á predición de taxas de paro», na que explicou como a estimación en áreas pequenas pode mellorar a precisión dos datos en poboacións con mostras limitadas. O seu traballo céntrase na predición de taxas de paro a nivel municipal mediante un modelo multinomial mixto, que permite aproveitar datos a nivel de unidade muestral e de distintas fontes.
Ambas investigacións poñen de relevo a importancia da estimación en áreas pequenas como ferramenta clave para a toma de decisións en materia de políticas públicas e planificación socioeconómica. Coa aplicación de modelos estatísticos avanzados e o uso combinado de datos, pódense obter predicións máis precisas que permitan unha mellor asignación de recursos e a implementación de estratexias máis eficaces no ámbito laboral e social.
Os Almorzos TIC Talk constitúen un espazo de encontro onde persoal de investigación en formación comparte os últimos avances nos seus respectivos campos, resaltando o valor da colaboración interdisciplinar e o impacto das tecnoloxías da información e as comunicacións.