O alumnado do colexio coruñés Calasancias coñece o CITIC da UDC grazas ao programa “Atrévete a pescudar con elas!”
- O centro recibiu esta semana as visitas de estudantes da Universidade Senior da UDC e dous grupos do CPR Plurilingüe Calasancias, de A Coruña.
O Centro de Investigación TIC recibiu esta semana dúas visitas como parte da súa implicación coa trasmisión do coñecemento científico á cidadanía. O luns día 3, un grupo de sete estudantes da Universidade Senior da UDC coñeceu o CITIC nunha actividade promovida polas persoal de investigación María Betania Groba, Laura Nieto Riveiro e Manuel Lagos. O percorrido comezou no Demostrador Tecnolóxico, onde puideron probar as gafas de realidade aumentada e coñecer a NAO, o robot humanoide. Tras isto, pasaron á exposición sobre a historia dos videoxogos que está preparando o centro. No Laboratorio de Robótica veron o funcionamento do perro robot de Unitree.
Atrévete a pescudar con elas!
Este xoves foi a quenda dun grupo de 36 estudantes e profesores do CPR Plurilingüe Calasancias (A Coruña), que tiveron a aportunidade de coñecer as instalacións do centro como a sala de Demostrador Tecnolóxico, a Sala de Robótica e a de Realidade Virtual e Localización. Os escolares puideron ver e probar desenvolvementos robóticos, de realidade virtual e de realidade aumentada.
Esta visita forma parte do programa Atrévete a pescudar con elas! da UDC que lle deu aos estudantes a oportunidade de coñecer no día de hoxe, ademais do CITIC, outros dous centros tecnolóxicos da Universidade da Coruña como son o CICA (Centro de Investigacións Científicas Avanzadas) e o CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil).
No CICA ofrecéronse diferentes talleres para dar a coñecer as temáticas de investigación que se realizan nas súas instalacións, mentres que no CITEEC os estudantes visitaron as instalacións e laboratorios relacionados co campo da enxeñaría.
“Atrévete a pescudar con elas!” é unha iniciativa da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC na que investigadoras da UDC amosan a súa traxectoria científica e vital, logros profesionais e anécdotas coa finalidade de incentivar a curiosidade pola profesión investigadora e científica.