O Centro de Investigación en TIC da UDC recibe ao Director da AESIA, Ignasi Belda
- A visita enmárcase dentro da rolda de contactos que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia artificial está a realizar aos principais organismos de base tecnolóxica.
A Coruña,12 de novembro de 2025. O Director da AESIA con sede na Coruña, Ignasi Belda, coñeceu o pasado luns as instalacións e os proxectos nos que traballa o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Foi no transcurso dunha visita ao CITIC, onde foi recibido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto co director do centro, Manuel González Penedo, e o subdirector, Javier Pereira Loureiro.
Durante a reunión, González Penedo, expuxo as principais capacidades e a traxectoria deste centro da UDC nos ámbitos de investigación, transferencia e divulgación científica. Destacou o traballo desenvolvido polo persoal investigador, un dos factores que consolidaron ao CITIC como un referente en intelixencia artificial. Un encontro no que o investigadores Amparo Alonso e Francisco Bellas, presentaron as súas liñas de traballo en canto a usos responsables da IA e na súa aplicación ao ámbito educativo, respectivamente.
Pola súa banda, o Director da AESIA, Ignasi Belda, destacou que «desde A Coruña deséñase o goberno da IA en Europa. A Axencia participa activamente nunha vintena de grupos de traballo da Comisión onde se analiza a aplicación do Regulamento Europeo de Intelixencia artificial e o seu impacto».
Belda explicou tamén que a Axencia está a elaborar un ambicioso plan de sensibilización e formación para «promover unha cultura de IA en España e garantir a democratización tecnolóxica para que ninguén quede atrás». Nesta liña, Manuel González Penedo sinalou que, dada a traxectoria do CITIC en proxectos con mozos, persoas maiores e PEMES, colectivos especialmente relevantes para fomentar un uso responsable da IA, o centro e a AESIA poderían establecer futuras liñas de colaboración en materia de divulgación e sensibilización sobre esta tecnoloxía.
Na visita tamén estiveron o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, quen destacou que «foi un frutífero intercambio das funcións da Axencia e experiencias dos grupos de investigación do Centro, o maior centro universitario de investigación en IA de Galicia, para crear sinerxías que permita que España e Galicia ocupen postos relevantes de desenvolvemento de IA en Europa».
Abalde lembrou que é «un paso máis no impulso e apoio do Gobierno de España á posición punteira da IA galega que supuxo a aposta por implantar a primeira Axencia en Europa na Coruña e que continúa co financiamento maioritario do novo centro do CESGA e o financiamento de 24 M€ na nova factoría europea de IA».
A visita enmárcase dentro da rolda de contactos que a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial está a realizar aos principais organismos de base tecnolóxica.
A AESIA, con sede na Coruña, é a primeira axencia de supervisión da intelixencia artificial en Europa. É un organismo adscrito ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública que traballa para lograr o desenvolvemento dunha Intelixencia artificial, ética, sostible e confiable.
Entre as súas funcións destacan: a sensibilización e formación en intelixencia artificial, a supervisión do Regulamento europeo de IA e a creación dun sandbox regulatorio de IA -unha contorna de probas controlada para que as empresas poidan testear os seus sistemas de IA antes de saír ao mercado-.