CITIC

O CITIC abre as súas portas a estudantes de bacharelato en Ciencia e Tecnoloxía do IES Eusebio da Guarda e IES María Casares de Oleiros

10/10/2024 - CITIC

O CITIC acolleu numerosas visitas de estudantes neste mes de outubro. Recentemente, o centro recibiu ao alumnado do IES Eusebio da Guarda e do IES María Casares. En total, participaron máis de 50 alumnos e alumnas xunto cos seus profesores. Durante as xornadas, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións do CITIC, podendo explorar o apaixonante mundo da ciencia e a tecnoloxía.

As visitas comezaron no Demostrador Tecnolóxico, onde puideron experimentar con lentes de realidade aumentada para visualizar unha maqueta 3D do edificio do CITIC, interactuando coas diferentes salas e laboratorios do centro. Ademais, tiveron a oportunidade de presenciar unha demostración do robot humanoide NAO, que mostrou exercicios de taichí, resaltando a innovación na robótica.

A seguinte parada foi o museo dedicado á historia dos videoxogos, onde os estudantes gozaron xogando ao clásico Donkey Kong nunha máquina arcade. Posteriormente, visitaron o Centro de Procesado de Datos (CPD), onde se compartiron curiosidades sobre o seu funcionamento.

A visita culminou na Sala de Realidade Virtual, onde se presentou un supermercado virtual, deseñado polo investigador Manuel Lagos, que ten como obxectivo axudar na rehabilitación física e cognitiva de persoas con mobilidade reducida.

As visitas escolares son unha actividade coa que o CITIC busca seguir inspirando ás futuras xeracións no ámbito da investigación científica e tecnolóxica.