O CITIC abre as súas portas a estudantes do MIT en 2026 para seguir impulsando a internacionalización
- O prazo de solicitude de axuda da nova convocatoria está aberto ata o 5 de outubro.
- Esta iniciativa, enmarcada no programa internacional MIT-Spain (MISTI), supón un paso decisivo na estratexia de internacionalización do CITIC e reforza a súa capacidade para atraer talento de excelencia no ámbito das TIC.
A Coruña, 29 de setembro de 2025. – O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña abriu unha nova convocatoria para recibir estudantes do Massachusetts Institute of Technology (MIT) en estadías de investigación que terán lugar durante o verán de 2026. Esta iniciativa, enmarcada no programa internacional MIT-Spain (MISTI), supón un paso decisivo na estratexia de internacionalización do CITIC e reforza a súa capacidade para atraer talento de excelencia no ámbito das TIC.
As estadías terán unha duración máxima de dous meses e desenvolveranse entre o 15 de maio e o 15 de agosto de 2026. A acción busca xerar un espazo de colaboración científica e tecnolóxica no que estudantes do MIT poidan integrarse nos proxectos estratéxicos do centro, compartindo coñecementos con investigadores locais e participando activamente na resolución de retos en áreas de gran impacto como a Intelixencia Artificial, a Ciencia e Enxeñaría de Datos, a Computación de Altas Prestacións (HPC), os Servizos e Redes Intelixentes e a Ciberseguridade.
A convocatoria está dirixida ao persoal investigador adscrito ao CITIC, tanto permanente coma non permanente, que actuará como responsable e titor do alumnado visitante. Para formalizar a solicitude, será necesario cubrir o Anexo I da convocatoria, achegar un currículo actualizado e remitir a documentación ao correo electrónico international.citic@udc.gal. O prazo de presentación de solicitudes, que comezou o pasado venres 19 de setembro, permanecerá aberto ata o 5 de outubro de 2025.
Ademais da responsabilidade de tutelar e mentorizar ao estudante durante toda a estadía, o persoal investigador deberá garantir a súa participación en actividades de difusión científica promovidas polo CITIC. Así mesmo, nos dez días posteriores á finalización da estadía será necesario entregar unha memoria de resultados xunto con material gráfico que permita visibilizar o impacto da colaboración.
Desde a dirección do CITIC sublíñase que esta convocatoria é unha oportunidade estratéxica para reforzar a proxección internacional do centro. “A acollida de alumnado do MIT representa unha vía privilexiada para atraer talento de primeiro nivel, potenciar a transferencia de coñecemento e establecer lazos de colaboración científica que posicionan o CITIC como un referente europeo en investigación TIC”, destacan fontes institucionais.
Con esta nova convocatoria, o centro TIC da UDC dá un paso máis na súa misión de consolidarse como polo de innovación e talento internacional en Galicia e no conxunto do sistema universitario español. Precisamente, durante este pasado verán, catro estudantes do prestixioso Massachusetts Institute of Technology realizaron por primeira vez estadías de investigación no CITIC, integrándose en proxectos estratéxicos de intelixencia artificial e ciberseguridade. A iniciativa permitiulles colaborar en desenvolvementos punteiros, desde algoritmos para análise médica do sono ata solucións avanzadas para a protección de redes.