CITIC
Pic3

O CITIC acolle a presentación do Club de Innovación Aberta “Innova Club”

19/07/2022 – CITIC

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este venres, 15 de xullo, o acto de presentación do “Innova Club”, unha pioneira iniciativa que nace co obxectivo de ofrecer solucións a retos empresariais difíciles de resolver de xeito individual e cos medios tradicionais. Así, proponse a creación de equipos organizados de maneira personalizada, formados por expertos de empresas tecnolóxicas, profesionais, profesores e alumnos universitarios, que se encargarán de deseñar solucións para dar resposta a necesidades reais do mercado.

O acto de apertura estivo presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, que subliñou a idoneidade desta iniciativa debido ao crecemento exponencial da ciencia e especialmente das TIC e a necesidade de transferencia, existindo “unha vontade de traballar xuntamente coas empresas e institucións para que sexa coxeración do coñecemento”.

Tamén participou na apertura do acto a directora do Campus Innova, Susana Ladra, que explicou os obxectivos iniciais da iniciativa salientando o feito de pensar nesta proposta como “unha porta aberta para poder chamar e plantexar posibles problemas para poder idear unha posible solución”.

A continuación, o subdirector o CITIC, Javier Pereira, fixo fincapé na necesidade da colaboración interdisciplinar sendo esta a pedra angular do centro: “Máis do 50 % dos nosos contratos son de contratación directa coas empresas, o que dá lugar á investigación e innovación”.

A seguir, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez do Corral, explicou como sería o proceso, sinalando que a énfase non debería situarse no concepto de Innovación Aberta que xa existía, senón que “o mérito é de facelo, de unirnos e de executalo ben” indicando que “a clave é que nos teñamos unido todos para traballar polo ben das empresas, sobre todo as PEMES en Galicia”.

Finalmente, Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña e profesor da UDC, agradeceu formar parte do primeiro reto de “Innova Club” subliñando a súa especial relación coa UDC así como o seu compromiso coa innovación. A continuación, destacou como sector estratéxico en Galicia o cereal para alimentos animais, “o Porto da Coruña é o graneiro de Galicia”, considerando a modernización e dixitalización fundamentais para este sector.