CITIC
Desayunos TIC Talk_2 sesión (8)_

O CITIC acolle a segunda sesión dos Almorzos TIC Talk

27/04/2022 – CITIC

Máis de 30 investigadores/as do CITIC déronse cita na segunda sesión dos Almorzos TIC Talk, un ciclo de reunións informais dirixidas a membros do centro que se atopan nas primeiras etapas da súa carreira investigadora. O encontro tivo lugar este martes 26 de abril na sala Cloud do CITIC, con dous novos relatores que compartiron as súas liñas de investigación.

Así, Olga Zamaraeva ofreceu a charla “Grammars and gramar engineering in computational linguistics” e Martiño Rivera falou sobre “Ciberseguridade: Mecanismos de autenticación avanzados”.

Olga Zamaraeva, que se incorporou recentemente ao CITIC grazas a unha bolsa posdoutoral Marie Skłodowska-Curie, explicou o seu traballo no ámbito da enxeñería gramatical para testeo de hipóteses lingüísticas. Actualmente, está a centrar o seu labor investigador na análise da linguaxe natural co fin de mellorar a rapidez dos algoritmos.

Pola súa banda, Martiño Rivera expuxo algúns dos problemas relacionados cos contrasinais, na área da ciberseguridade, e achegou un novo método de autenticación no que se atopa traballando: a autenticación baseada en clave pública con WebAuthN e FIDO, unha clave física que pretende reducir a dependencia dos contrasinais na seguridade informática.

Os Almorzos TIC Talk son unha iniciativa da comisión de formación do CITIC. Cunha periodicidade mensual, teñen o fin de potenciar a transversalidade e promover posibles colaboracións entre o persoal investigador do centro.