CITIC
Entrega premios

O CITIC acolle o acto de entrega de premios do concurso de ideas do novo edificio do centro na Cidade das TIC

15/12/2021 – CITIC

Este mércores 15 de decembro tivo lugar na sala Connect do CITIC o acto de entrega de premios do concurso de ideas de arquitectura para o novo edificio do centro na Cidade das TIC.

Participaron no acto de apertura o reitor da UDC, Julio Abalde; o vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde López; o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, Juan Díaz Villoslada; a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC, Amparo Casares; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

O director do CITIC felicitou a todos os equipos participantes, cerca dunha vintena, e agradeceu ás entidades implicadas a súa colaboración. Indicou, ademais, que a presenza do CITIC na Cidade das TIC responde á “necesidade de axeitarnos aos novos tempos e aportar valor neste gran proxecto que temos en Galicia, localizado na cidade da Coruña”.

A vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC quixo salientar o “enorme talento” que se apreciou nas propostas recibidas, sendo unha “mostra de como a arquitectura é capaz de dar resposta a diferentes necesidades”.

Seguidamente, o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade afirmou que “o CITIC é un polo esencial para o desenvolvemento da sociedade, que transcende o local e o autonómico, xa que a investigación é de carácter internacional”.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación manifestou que “a Cidade das TIC é un elemento clave para a transferencia de coñecemento e desenvolveu un traballo conxunto a través da colaboración público-privada”. Tamén destacou a “aportación do CITIC na estratexia nacional de Intelixencia Artificial”.

Finalmente, o reitor da UDC subliñou a “condición sostible e eficiente enerxeticamente dos proxectos presentados”, para o que será o “edificio emblemático na Cidade das TIC”, unha iniciativa que xurdiu coa idea de “crear un ecosistema onde a innovación fose un elemento fundamental”, que “antes era necesario e agora, despois da pandemia, é imprescindible”.

Os equipos premiados presentaron os seus proxectos e, ademais, puidéronse contemplar as maquetas dos mesmos no hall do centro.

O reitor da UDC entregou o primeiro premio ao proxecto GAIA0101, realizado por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín. O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, outorgou o segundo premio á proposta TICA0021, desenvolvida por Santiago Barge, en colaboración con Belén Bouza e Guillermo Lozano. O terceiro premio recaeu no proxecto FITO2022, obra de Alejandro Rodríguez, que realizou en colaboración con María Mera e Martín Álvarez. Entregou o premio o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade. Finalmente, o director do CITIC, entregou un accésit para o traballo CTIC2030 de Gustavo Figueira, realizado en colaboración con Diego Díaz e Javier Pombar.

Premiados

Primer premio: GAIA0101

Segundo premio: TICA0021

Tercer premio: FITO2022

Accésit: CTIC2030