CITIC
CITIC_CONCURSO DE IDEAS_WEB_550x400

O CITIC acolle o acto de entrega de premios do concurso de ideas do novo edificio do centro na Cidade das TIC, coa participación do conselleiro de Economía

10/12/2021 – CITIC

O vindeiro 15 de decembro terá lugar o acto de entrega de premios do concurso de ideas de arquitectura convocado pola UDC para o novo edificio do CITIC na Cidade das TIC, o proxecto estratéxico para crear un polo TIC e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional na Coruña. No acto intervirán representantes das principais entidades que apoian a iniciativa da Cidade das TIC: o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada.

No evento, os diferentes equipos gañadores presentarán os proxectos premiados e, ademais, poderán contemplarse as maquetas dos mesmos no hall do CITIC.

O novo edificio do CITIC situarase nos terreos da antiga Fábrica de Armas da Coruña como centro I+D+i e nodo de intelixencia artificial, ofrecendo ademais formación especializada nestes ámbitos. O edificio será un elemento arquitectónico relevante que representará á Universidade e que priorizará a condición sostible do inmoble e a súa contorna.

No concurso de ideas convocado pola UDC recibíronse preto dunha vintena de propostas de gran calidade, entre as que o xurado elixiu os tres primeiros premios e un accésit. Entregaranse un total de 37.000 € en premios: 20.000 € para o primeiro premio, 10.000 € para o segundo e 7.000 € para o terceiro.

O primeiro premio foi para o proxecto GAIA0101, proposto polo equipo integrado por Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco, Patricia Sabín e Joaquín Martín. GAIA0101 constitúese como un espazo multiuso colectivo de transferencia do coñecemento, un fito de beleza cúbica e alta funcionalidade no que prima a sustentabilidade e no que se integran arquitectura, cidade e natureza.

TICA0021, desenvolvido por Santiago Barge en colaboración con Belén Bouza e Guillermo Lozano obtivo o segundo premio. Trátase dunha intervención de impacto ambiental mínimo a través da superposición dunha trama abstracta, un elemento estrutural de madeira laminada.

Pola súa banda, FITO2022, de Alejandro Rodríguez en colaboración con María Mera e Martín Álvarez, acadou o terceiro premio, propoñendo un entorno ordenado no que se estende a paisaxe cara ao interior do edificio.

Finalmente, o xurado concedeu un accésit a CTIC2030, de Gustavo Figueira en colaboración con Diego Díaz e Javier Pombar, que presentaron un proxecto flexible de espazos diáfanos nun elemento altamente recoñecido na paisaxe.

Programa

12:00 h – 12:30 h.- Apertura do acto:

  • Reitor da UDC, Julio Abalde Alonso
  • Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde López
  • Concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade do Concello da Coruña, Juan Manuel Díaz Villoslada
  • Vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC, Amparo Casares Gallego
  • Director do CITIC, Manuel F. González Penedo

12:30 – 13:00 h.- Presentación dos proxectos premiados:

  • Accésit: CTIC2030
  • Terceiro premio: FITO2022
  • Segundo premio: TICA0021
  • Primeiro premio: GAIA0101

13:00 – 13:10 h.- Peche:

  • Reitor da UDC, Julio Abalde Alonso

13:10 h – 13:30 h.- Exposición de maquetas no hall