CITIC

O CITIC acolle un curso internacional sobre fundamentos de IA aplicados á procura e identificación de migrantes desaparecidos

14/07/2025 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña acolleu un curso internacional centrado nos fundamentos da intelixencia artificial e a súa aplicabilidade na procura e identificación de persoas migrantes desaparecidas. A formación enmárcase no proxecto europeo Migrant Disaster Victim Identification (Migrant DVI), unha acción do programa COST (Cooperación Europea en Ciencia e Tecnoloxía), financiada por Horizon Europe.

O curso, coordinado polo investigador do CITIC Óscar Ibáñez, estivo dirixido a un grupo diverso de profesionais —desde informáticos ata xenetistas, antropólogos, xeógrafos e historiadores— pertencentes á rede internacional do proxecto. A actividade forma parte das accións propostas polo Working Group 4, centrado na formación e detección de necesidades de capacitación dentro do consorcio.

Durante as sesións, ofreceuse unha introdución aos fundamentos da IA e exploráronse as súas posibles aplicacións prácticas en contextos de busca e identificación de migrantes desaparecidos. Presentáronse ferramentas, exemplos de uso e casos de estudo que amosaron o potencial destas tecnoloxías para abordar os desafíos únicos do ámbito forense migratorio, nun curso accesible e pensado para persoas non especialistas na área tecnolóxica.

O proxecto Migrant DVI responde a unha necesidade urxente: mellorar as capacidades europeas na identificación de persoas falecidas durante o seu tránsito migratorio. Actualmente, estímase que só o 20 % dos corpos de migrantes falecidos chegan a ser identificados, debido a limitacións legais, técnicas e de cooperación transnacional. A aplicación da IA representa unha oportunidade clave para avanzar cara a procesos máis eficaces, sostibles e respectuosos coas familias das persoas desaparecidas.

A rede Migrant DVI está composta por arredor de 200 membros de máis de 35 países, incluíndo institucións académicas, organizacións humanitarias e centros forenses de referencia. Entre as entidades participantes figuran a Universidade da Coruña, a Liverpool John Moores University, a Università degli Studi di Milano, o European Training Center of Active Forensic Sciences and Disaster Victim Identification, a Universidade de Málaga, a Masarykova univerzita (República Checa), a International Commission on Missing Persons, o University College Dublin, a Federación de Asociacións Africanas en Canarias e a Platform for Transnational Forensic Assistance.

Máis información e programa completo do evento: https://migrant-dvi.eu/news/