CITIC
Inspira STEAM

O CITIC acolleu a presentación de resultados da primeira edición do programa Inspira STEAM 2022 na Coruña

27/06/2022 – CITIC

O xoves 23 de xuño o CITIC acolleu a xornada de peche do programa Inspira STEAM 2022 na provincia da Coruña, que estivo coordinado pola investigadora Verónica Bolón e que conta co apoio do CITIC e o Campus Innova da UDC. Ao acto acudiron mentoras/es e titoras/es participantes na iniciativa para compartir os resultados obtidos na primeira edición do programa, que busca fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a xuventude.

A mesa de apertura contou coa presencia da coordinadora de Inspira STEAM na provincia de A Coruña, Verónica Bolón; a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade da UDC e investigadora do CITIC, María José Lombardía; a directora da Oficina de Igualdade da UDC, Ana Neira; e a directora do Campus Innova da UDC e investigadora do CITIC, Susana Ladra. Todas coincidiron na importancia de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas para rachar coa fenda de xénero e avanzar cara a igualdade, sendo clave facilitar ás novas xeracións referentes de mulleres científicas e dar a coñecer as profesións STEAM.

Seguidamente, Verónica Bolón presentou os resultados acadados na primeira edición da iniciativa, que se desenvolveu co alumnado do CPR Valle Inclán I, o IES Ramón Menéndez Pidal e o Colexio Internacional Eirís. Tamén adiantou a intención de continuar co programa no vindeiro curso académico, ampliándoo a máis centros educativos.

A continuación, celebrouse unha mesa redonda na que mentoras/es e titoras achegaron as súas impresións, experiencias e aprendizaxes en canto ao proxecto. Participaron nesta mesa redonda Sara Guerreiro, mentora no CPR Valle Inclán I; Manuel F. Herrador, mentor no Colexio Eirís; Vanessa Valdiglesias, mentora no IES Ramón Menéndez Pidal; e Cory Gajino, titora de 6º A no Colexio Eirís.

Inspira STEAM é un proxecto pioneiro para o fomento das vocacións STEAM entre as nenas, baseado en accións de sensibilización e orientación impartidas por profesionais do ámbito da investigación, a ciencia e a tecnoloxía. Durante estas sesións abórdanse temas como os estereotipos que nos rodean e o traballo das mulleres na ciencia ao longo da Historia. Con esta iniciativa trátase de axudar a despexar dúbidas sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, clarificar as motivacións do alumnado e afianzar a súa autoestima de cara ao seu desenvolvemento académico e profesional.