CITIC
Foto_1

O CITIC acolleu un encontro investigador para visibilizar o papel da muller no mundo editorial en Galicia

29/06/2022 – CITIC

  • O encontro está enmarcado nun proxecto máis amplo que analiza o papel e funcións das mulleres no mundo editorial galego desde o ano 1975 ata o 2000, dirixido pola profesora Carme Fernández Pérez-Sanjulián.
  • O CITIC desenvolverá o sistema de información do proxecto, integrando unha base de datos e un buscador a un catálogo informatizado de mulleres con actividade no sector editorial de Galicia.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu este mércores 29 de xuño o encontro investigador “Elas no prelo: Mulleres no mundo da edición na Galiza”, onde se fixo unha primeira achega á análise da participación das mulleres no mundo editorial galego. Este encontro enmárcase nos traballos ligados a un proxecto máis amplo titulado “A edición literaria na Galiza, 1975-2000” (PID2020-119605RB-I00), dirixido pola profesora da Facultade de Filoloxía da UDC, Carme Fernández Pérez-Sanjulián. Este proxecto ten a finalidade de elaborar o primeiro catálogo de mulleres con actividade no sector, no que as investigadoras do CITIC Nieves R. Brisaboa e Ángeles Saavedra Places serán as encargadas de desenvolver o sistema de información do proxecto, integrando unha base de datos e un buscador ao catálogo informatizado desenvolvido.

Con este encontro buscouse proxectar ao público este labor de visibilización do traballo das mulleres editoras e o seu papel no marco do espazo da industria cultural, en xeral, e do mundo editorial galego, en particular.

A xornada iniciouse coa presentación do proxecto por parte da súa investigadora principal e membro do Grupo Investigación Lingüística e Literaria Galega (Grupo Illa) da UDC, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, que expuxo os obxectivos do mesmo e explicou a marcha dos traballos, enmarcándoos na liña dos seus proxectos de investigación anteriores sobre o mundo da edición na Galiza.

O punto central do encontro investigador consistiu na sesión “Editar libros: tres experiencias en primeira persoa”, onde tres mulleres con ampla actividade profesional no campo editorial: Belén López (Editorial Baía), Charo Portela (Ediciós do Castro) e Pilar Sampil (Editorial Galaxia), presentaron as súas experiencias e reflexións sobre o sector, o que propiciou un interesante e enriquecedor debate posterior. A seguir, desenvolveuse a segunda parte do encontro, onde cada unha das convidadas foi protagonista dunha sesión de traballo en paralelo que, a partir da realización dunha entrevista persoal, serviu para que cada unha delas reflexionase sobre a súa visión da problemática específica das mulleres no ámbito editorial co equipo investigador do proxecto. Este equipo está formado por un grupo multidisciplinar de investigadoras/es da UDC do que forman parte Elena Alfaya, Uxío-Breogán Diéguez, Inma Doval, Xosé Ramón Freixeiro, Ánxela Lema, Mª Obdulia Luis, José Antonio Seijas, Iria Sobrino e Xoán L. Viñas.