O CITIC ampliará as súas infraestruturas con orzamento do "Plan Renove Universitario"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de anunciar a posta en marcha dun Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de seguir avanzando na consolidación da excelencia e a calidade do sistema universitario galego. Fíxoo durante a sinatura do protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas que posibilitará estas melloras e que vai a mobilizar máis de 100 millóns de euros ata 2026.
O orzamento total de 100 millóns de euros será aportado polas universidades (60 millóns con cargo ao financiamento que se achega de xeito ordinario) e polo Goberno autonómico, que destinará 40M€ -10 millóns cada ano- á mellora de espazos nos sete campus que existen na comunidade, sendo as propias universidades as que seleccionaron estas infraestruturas.
Novos espazos para investigación en IA e
big data
Entre as melloras destacan os novos edificios do CITIC 2
da UDC, o novo centro de Ciencias da Saúde e a remodelación da facultade de
Química, en Santiago; e a integración da facultade de Formación do Profesorado
no Complexo Docente, en Lugo. Ademais, o protocolo inclúe o Centro de
Investigación da Industria Intelixente de Ferrol; Centro de Enxeñaría Aeroespacial
de Ourense e Centro de Investigación Mariña de Vigo, así como a remodelación do
Hospital provincial no campus de Pontevedra.
Sobre os plans da UDC para a Coruña, o seu Reitor, Julio
Abalde, precisou que a intención é construír o CITIC 2, dedicado á
investigación en intelixencia artificial e big data e que formaría parte da
denominada Cidade das TIC.
Rueda salientou que este proxecto conxunto reforza a
colaboración entre a Xunta e a educación superior, ao tempo que garante o
estado óptimo dos edificios, aulas ou laboratorios dos campus. “Temos tres
universidades con diferentes necesidades de rehabilitación e de facer novos
edificios, necesidades de sedes dignas, modernas e adaptadas a todos os cambios
que están xa aquí e os que teñen que vir e dos que as universidades teñen que
ser ademais promotoras e os mellores expoñentes”, destacou.