O CITIC celebra a xornada de presentación de prototipos para o Demostrador Tecnolóxico
Este luns 30 de outubro levouse a cabo a xornada de Presentación dos prototipos para o Demostrador do CITIC na que, seguindo o ronsel do acto celebrado o pasado mes de xullo, 9 investigadores do centro mostraron os modelos dos seus proxectos en funcionamento co fin de instalalos na Sala Demostrador.
A creación destes prototipos responde á aposta do CITIC por poñer en valor os resultados das liñas de investigación prioritarias do centro. Neste contexto, en febreiro de 2023 lanzouse o convocatoria “Apoio ás liñas estratéxicas do CITIC para a creación de prototipos que permitan visibilizar os resultados de investigación”, pola que se financiou a contratación de persoal investigador, todos eles adheridos a diferentes grupos de investigación da Universidade da Coruña. En xullo deste mesmo ano celebrouse un primeiro acto no que os participantes mostraron o progreso nos seus traballos.
Para abrir a xornada, Paula Romero presentou o seu traballo “Sistema intelixente de asistencia ao diagnóstico de enfermidades raras neurolóxicas”. Consiste no desenvolvemento da aplicación AtaxAId, que ten a capacidade de axudar ao persoal médico a realizar diagnósticos máis precisos e rápidos, ao extraer a información de informes médicos e do arquivo xenético dun paciente para contrastala cos repositorios médicos de enfermidades raras. O proxecto céntrase na ataxia, trastorno motor que afecta á capacidade de coordinación na realización de movementos voluntarios, e a paraparesia, que é a diminución de forza nos membros inferiores ou superiores. En AtaxAId o persoal médico introduce unha descrición dos síntomas do paciente, xa sexa en inglés ou en castelán, e o sistema devolve unha listaxe con posibles diagnósticos.
Miguel Luaces, en segundo lugar, falou sobre o seu traballo “Friendly barrierLess Adaptable City Demo A Coruña (FLATCity)” no que desenvolve unha aplicación para que persoas con diferentes capacidades motoras atopen o mellor roteiro para desprazarse polas cidades e facelas, desta forma, máis accesibles. No prototipo mostrouse nun mapa da cidade de Santiago de Compostela, no cal pódense comprobar elementos como cruzamentos, pasos de peóns, estradas ou puntos de interese. Na súa proposta os roteiros divídense en tres fases: o roteiro camiñando desde o punto inicial ata onde se atope o coche do usuario, o roteiro en coche e, por último, o roteiro desde onde se atopa a praza de aparcamento de mobilidade reducida suxerida ata o punto de destino.
Manuel Corujo presentou o proxecto “Desenvolvemento dun cadro de mando para divulgación dos usos da HPC”, consistente en crear un cadro de mando navegable para a divulgación das utilidades de computación de altas prestacións (HPC) en xeral e no contexto da UDC e o CITIC en particular.
Javier Rodas presentou “Interface home-máquina baseados en sinais de electromiografía”, o cal desenvolve un hardware que, a través de eléctrodos, permite controlar obxectos dunha vivenda a través de sinais emitidos polos músculos do corpo.
En quinto lugar, Manuel Lagos mostrou os avances do seu traballo “Integración dun sistema de movemento cativo en contornas virtuais para a rehabilitación de persoas con discapacidade”, que se centra en desenvolver actividades para a rehabilitación e movemento de persoas con discapacidade utilizando unha contorna virtual. O prototipo desenvolve un supermercado no que o usuario, utilizando unhas lentes e unha plataforma de realidade virtual, realiza diferentes tarefas como coller os elementos dunha lista da compra ou os alimentos necesarios para elaborar unha receita. Os movementos realizados polo usuario, como o número de pasos, son monitorados.
Despois, Julián González explicou o seu proxecto “Aplicación de patróns de comportamento en dispositivos”, consistente nunha aplicación de recollida de datos para o adestramento e a detección da identidade dos usuarios activos nun sistema baseado na intelixencia artificial. A través de xogos, pídese aos usuarios que realicen unha serie de tarefas co fin de adestrar o modelo e que recoñeza a cada individuo.
Diego Fernández presentou “Prototipo de detección de pólipos en imaxes de colonoscopia” no que desenvolve unha aplicación para detectar e analizar automaticamente algún indicio de pólipos en pacientes a través de imaxes recollidas por un colonoscopio. Ao subir unha imaxe, o sistema detecta e sinala a localización do pólipo. O obxectivo final é que recoñeza a presenza dos pólipos nun vídeo en directo.
O investigador Hiram Varela Rodríguez, presentou o seu traballo “Simulación de secado de sólidos porosos”. Co seu prototipo pódese observar detalladamente o proceso de secado en materiais sólidos porosos como a madeira, sector no que se centra este prototipo e do que se extraeron os datos para a súa realización. Para poder utilizar a madeira en construción é necesario realizar un proceso previo de secado industrial. A través de unha simulación representada en 2D por computador, este modelo permite elixir o método máis adecuado para aplicar en cada caso.
Por último, Eva Pardo Otero con “Captura automática de datos de Xiaom Mi Band”, o cal baséase nunha web na que se pode visualizar a actividade dun grupo de persoas usuarias de pulseiras ou reloxos intelixentes, centrándose nos datos de descanso e o número de pasos realizados ao longo do día. Grazas aos datos recolleitos poderanse analizar os hábitos saudables dos pacientes e predicir problemas de saúde física ou mental.