CITIC

O CITIC celebrará en outubro o IV Congreso XoveTIC

10/05/2021 – CITIC

  • O prazo de recepción de abstracts está aberto desde hoxe ata o próximo 25 de xuño.

O CITIC presenta a IV edición do Congreso XoveTIC, que terá lugar en formato virtual os días 7 e 8 de outubro de 2021. Este evento científico está destinado ao persoal investigador júnior (predoutoral e posdoutoral) para presentar comunicacións orais ou pósteres das súas investigacións no ámbito do TIC. Ademais, tamén terán lugar conferencias plenarias e talleres de formación. Así, o obxectivo do XoveTIC é construír un espazo de encontro para o debate científico e contribuír á formación dos mozos investigadores.

Xa está aberto o prazo de recepción de abstratcs ata o próximo 25 de xuño. As contribucións poderán ser orixinais ou traballos adaptados xa presentados noutros foros, e todos os traballos que se acepten serán publicados nun libro de actas.

Entre todas as comunicacións orais presentadas, concederanse cinco premios de 300 euros cada un ás mellor valoradas por parte do Comité Científico, atendendo á súa calidade, excelencia e orixinalidade.

Na súa pasada edición, o XoveTIC contou con máis de 100 asistentes e nel presentáronse 60 comunicacións, tanto en formato oral como en póster.

O XoveTIC é un congreso xenuíno que se diferencia da maioría dos congresos que se celebran en España no ámbito do TIC, nos cales se reúnen investigadores sénior con anos de experiencia. Así, o XoveTIC pode ser o punto de partida de novas investigacións e proxectos que impliquen cambios disruptivos na sociedade e na tecnoloxía tal e como actualmente as coñecemos.