O CITIC colabora coa ONG coruñesa Equus Zebra ofrecendo un taller de robótica para nenos e nenas inmigrantes
19/07/2018
- Unha vintena de nenos e nenas de entre 8 e 12 anos asistiron ao obradoiro, impartido polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e demais persoal do centro.
- A acción ten como obxectivo achegar aos nenos e nenas ás TIC, ademais da integración de persoas en risco de exclusión social.
A Coruña, 19 de xullo de 2018.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organizou un taller de robótica en colaboración coa ONG coruñesa Equus Zebra, ao que asistiron unha vintena de nenos e nenas inmigrantes con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos. Tivo lugar nas instalacións de Equus Zebra baixo o título “Taller de programación visual gráfica con scratch e makey makey” e foi impartido polo subdirector do CITIC, Javier Pereira, e demais persoal do centro.
Os pequenos puideron coñecer algúns dos avances levados a cabo no ámbito da robótica e tiveron a oportunidade de probalos en primeira persoa a través de diferentes xogos.
O obxectivo desta acción é o achegamento dos nenos e nenas ás tecnoloxías da información e a comunicación, ademais da integración de persoas en risco de exclusión social. Desta forma, o CITIC quere consolidarse como un axente clave na cidade de A Coruña e reafirmar o seu compromiso con iniciativas sociais e culturais, fomentando ademais a transferencia de coñecemento á sociedade.
Equus Zebra é unha ONGD (organización non gobernamental para o desenvolvemento) dedicada á integración socio-laboral de persoas en risco de exclusión, sen ánimo de lucro e aconfesional, fundada no ano 2000 en A Coruña.
Sobre o CITIC: O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola UDC, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.