O CITIC colabora na posta en marcha da primeira Escola Latinoamericana de Gaia
17/01/2022 – CITIC
Do 7 ao 11 de febreiro terá lugar en formato híbrido a primeira Escola Latinoamericana de Gaia, organizada pola Universidade de Antioquía, en colaboración co CITIC, entre outras institucións.
O obxectivo é ofrecer a estudantes de universidades latinoamericanas os coñecementos básicos das ferramentas necesarias para facer uso científico dos datos da misión GAIA da Axencia Espacial Europea, na que participa o CITIC.
A Escola está organizada en cinco xornadas nas que profesores e profesoras convidados impartirán conferencias e talleres de maneira remota. Entre eles atópanse os investigadores do CITIC Minia Manteiga, Carlos Dafonte, Marco Antonio Álvarez, Daniel Garabato e Guillermo Torralba que impartirán conxuntamente a conferencia “Intelixencia artificial, redes neuronais, métodos non supervisados: aplicación aos datos de Gaia” o 11 de febreiro.
A inscrición é gratuíta e débese formalizar a través do formulario habilitado na páxina web da Escola.
Para poder participar na Escola débese estar a cursar os últimos cursos do grao de Física, Astronomía, ou ciencias afíns; ter coñecementos básicos de astronomía observacional; dispoñer de computador persoal (portátil para as persoas que queiran asistir en persoa) para poder realizar as actividades prácticas; e contar con coñecementos de Python a nivel intermedio.
Gaia é unha misión da Axencia Espacial Europea que mide posicións, movementos, paralaxes e propiedades físicas de todos os obxectos ata magnitude 20.7 incluíndo estrelas na nosa galaxia e galaxias próximas, obxectos menores do sistema solar, núcleos de galaxias afastados e quásares. A precisión das medidas e a gran cantidade de obxectos observados (máis de 1500 millóns) revolucionaron a nosa visión das estrelas e a Galaxia. A expectativa da comunidade internacional #ante o novo conxunto de datos (Gaia DR3 en 2022), que incluirá millóns de espectros entre outros produtos, é enorme.