CITIC

O CITIC comparte ciencia e tecnoloxía coa cidadanía na G-Night

29/09/2025 - CITIC

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña participou o pasado venres na Noite Galega das Persoas Investigadoras – G-Night, unha cita que encheu a cidade de actividades para achegar a ciencia á sociedade.

A xornada comezou coa visita ao CITIC dun grupo de alumnas do Colexio de Fomento Montespiño, que tiveron a oportunidade de coñecer de preto exemplos de proxectos en intelixencia artificial, realidade virtual, realidade aumentada e robótica desenvolvidos no centro.

Ao longo do día, o CITIC tamén estivo presente nos diferentes espazos da G-Night cos obradoiros “Coidando os xeonllos: artrose, mobilidade e novas tecnoloxías”, na Dársena da Mariña, “Investiga en ciencia e tecnoloxía!”, no MUNCYT, e o “Obradoiro de robótica intelixente”, que se desenvolveu no laboratorio de robótica do CITENI.

A programación completouse cos relatorios de investigadoras e investigadores vinculados ao CITIC. Na Dársena da Mariña, Paloma Piot achegou ao público a charla “Combatendo a Desinformación e a Linguaxe Abusiva con Intelixencia Humana e Artificial”. Pola súa banda, no Árnica Bar, o investigador Brais Muñiz Castro explicou como a intelixencia artificial pode aplicarse ao desenvolvemento de medicamentos personalizados, mentres que Patricia Faraldo Cabana, da Facultade de Dereito, abordou as claves xurídicas do tráfico de patrimonio histórico en España.