CITIC

O CITIC consegue máis dun millón trescentos mil euros na convocatoria “Proyectos de Generación de Conocimiento 2022”

08/09/2023 - CITIC

Fíxose pública a proposta de resolución provisional do procedemento de concesión de axudas 2022 a “Proyectos de Generación de Conocimiento” e a actuacións para a formación de persoal investigador predoctoral asociadas aos devanditos proxectos. Dita convocatoria encádrase no marco do “Programa Estatal para Impulsar la Investigación Científico – Técnica y su Transferencia”, dentro do “Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2021-2023”.

Con ela tense por obxectivo financiar a realización de proxectos de investigación centrados en fomentar a xeración e o avance significativo do coñecemento científico e a investigación de calidade contrastada; ademais de impulsar a procura de solucións aos desafíos da sociedade.

Dende o CITIC foron aceptados oito proxectos para optar ás devanditas axudas, os cales suman máis dun millón trescentos mil euros concedidos para o seu desenvolvemento. O tempo de duración do financiamento para cada proxecto será de 3 a 4 anos, segundo sexa o caso.

Na área da Intelixencia Artificial (IA) presentaron traballos Álvaro Barreiro García e Javier Parapar López, José Luis Calvo Rollle e Héctor Quintián Pardo, David Vilares Calvo e por último Margarita Alonso Ramos. No ámbito de Ciencia e Enxeñería de Datos (CID) foron Miguel Ángel Rodríguez Luaces e Susana Ladra González por un lado, e Carlos Vázquez Cendón por outro. Na Computación de Altas Prestacións (HPC) presentaron conxuntamente Juan Touriño Domínguez e Gabriel Rodríguez Álvarez; e en Servizos e Redes Intelixentes (SRI) Luís Castedo Rivas e José A. García Naya.