O CITIC da UDC acolleu a presentación da única guía a nivel nacional sobre condución adaptada
02/03/2020
- A elaboración da guía foi dirixida pola investigadora do CITIC Thais Pousada e editada pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM).
- O director do CITIC anunciou a súa intención de acadar un convenio de colaboración con ASEM.
A Coruña, 2 de marzo de 2020.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a presentación da guía “Conducir desde a diversidade. Potenciando a autonomía na comunidade”, a única guía que existe a nivel nacional sobre condución adaptada para persoas con enfermidades neuromusculares. O traballo foi elaborado baixo a dirección da investigadora do CITIC Thais Pousada, coa participación de investigadoras da área de investigación de Intelixencia Artificial do CITIC xunto con alumnas do Grao de Terapia Ocupacional da UDC, e editada pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (ASEM). O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, amosou a disposición do centro de acadar un convenio de colaboración con esta entidade para poder desenvolver outros proxectos similares no futuro e seguir traballando neste eido.
O reitor da UDC, Julio Abalde, presidiu a mesa de apertura do acto, e destacou que as “novas tecnoloxías deben ter alma”, e que se debe “transmitir o coñecemento a sectores que non teñen tanta facilidade para o seu acceso”. Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, María Jesús Movilla, quixo salientar que o equipo de traballo estivo formado por investigadoras, poñendo en valor a presencia de mulleres neste campo, e que a Universidade debe “traballar conxuntamente para xerar recursos que podamos poñer á disposición da sociedade”.
A investigadora do CITIC Thais Pousada realizou a presentación da guía, cuxo obxectivo é mellorar as necesidades informativas das persoas con diversidade funcional, promover accións para mellorar a súa calidade de vida e fomentar a súa participación social. A guía responde a preguntas comúns respecto á obtención do permiso de conducir para persoas con enfermidades neuromusculares e ofrece información detallada sobre as posibilidades de adaptación do coche.
Para finalizar, fíxose unha demostración de dous vehículos adaptados por parte de persoas usuarias de ASEM, amosando as adaptacións levadas a cabo para o acceso e condución dos mesmos.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.