CITIC

O CITIC da UDC aporta Intelixencia Artificial nun proxecto para mellorar o diagnóstico oftalmolóxico liderado por Telefónica

26/03/2021 – CITIC

  • O proxecto Ocuexplorer 5G desenvolveu unha ferramenta de tele-oftalmoloxía que pon ao alcance de toda a poboación un servizo avanzado de coidado oftalmolóxico.
  • No proxecto colaboran Telefónica, o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Prof. Fernández Vigo, Nokia, Idronia e o CITIC.

Os investigadores do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Marcos Ortega e Jorge Novo, participan no proxecto Ocuexplorer 5G, no que participan o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Profesor Fernández Vigo (CIOA), Telefónica, Nokia e Idronia, xunto co grupo de investigadores do CITIC. No marco deste proxecto, conseguiuse desenvolver un servizo de tele-oftalmoloxía que constitúe unha ferramenta de asistencia ao persoal de oftalmoloxía baseado en novas tecnoloxías ópticas, técnicas de tele-control, comunicacións 5G e Intelixencia Artificial para colaborar na prevención e diagnóstico de enfermidades oculares. A Coruña será o punto dende o que se despregará un centro de edge computing que aloxará a capacidade de cómputo necesaria para o diagnóstico e permitirá o telecontrol do robot por parte dun especialista en remoto.

Desta forma, o proxecto Ocuexplorer 5G facilita o acceso a toda a poboación dun servizo avanzado de coidado oftalmolóxico, especialmente interesante nestes momento de pandemia. Este dispositivo tamén permite ofrecer ao persoal de oftalmoloxía unha ferramenta que mellora a súa eficiencia.

Os investigadores do CITIC foron os encargados de desenvolver o software de Intelixencia Artificial capaz de analizar retinografías e identificar potenciais riscos de patoloxías oculares. O sistema permite realizar un cribado de cantidades masivas de información e notificar ao oftalmólogo cada vez que se identifique unha retinografía con parámetros fóra da normalidade, para que sexa examinada de forma axeitada.

O investigador Marcos Ortega sinalou que “este proxecto é unha mostra do potencial que ten a Intelixencia Artificial para ser útil na sociedade”. Así, afirmou que “é unha satisfacción contribuír para que o CITIC sexa un actor de referencia nacional neste campo”.

Ocuexplorer 5G é un dos promovidos polo Goberno a través dunha convocatoria pública de axudas cun presuposto agregado de máis de 36 millóns de euros, dos que máis de 10 millóns serán cofinanciados pola Entidade Pública Empresarial Red.es a través dos fondos FEDER da UE.