CITIC
Reunión Colegio Médicos (2)

O CITIC da UDC e o Colexio de Médicos da Coruña, unidos pola intelixencia artificial na saúde

28/09/2022 – CITIC

  • O equipo directivo do Colexio visitou as instalacións do CITIC, onde tiveron a oportunidade de coñecer as posibilidades que ofrece o novo laboratorio de robótica e a realidade virtual na atención aos pacientes
  • O novo sistema de captura de movemento e sensorización permite crear escenarios virtuais dinámicos orientados a mellorar a atención ao doente
  • A colaboración permite avanzar na transferencia de resultados aplicados á atención sanitaria, liña de traballo estratéxica para o CITIC

Coñecer os avances no desenvolvemento do software intelixente de apoio á toma de decisións e a aplicación dos últimos modelos de intelixencia artificial no diagnóstico por imaxe desenvoltos polo CITIC. Estes foron os obxectivos da visita que realizou este martes o equipo directivo do Colexio de Médicos da Coruña ás instalacións do CITIC, na que participaron tanto o director, Manuel F. González Penedo, como o subdirector do centro, Javier Pereira.

Realidade virtual, ferramenta de saúde

No encontro déronse a coñecer as posibilidades que ofrece o novo laboratorio de robótica e realidade virtual do centro, así como o feito de que esta nova tecnoloxía inmersiva pode revolucionar as diferentes actuacións sanitarias. Da man do subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, os representantes do Colexio Oficial de Médicos da provincia da Coruña tiveron a oportunidade de asistir a unha demostración en directo de escenarios virtuais e do novo sistema de captura do movemento e sensorización que permitirá crear espazos virtuais dinámicos con retroalimentación dos valores de saúde de cada paciente.

Neste senso, Javier Pereira salientou o feito de que “as tecnoloxías dixitais avanzadas como a intelixencia artificial ou a análise masiva de datos, teñen o potencial de transformar o sistema sanitario en diferentes aspectos, tanto nos relativos á actividade diaria dos profesionais da saúde e a súa relación cos pacientes como os referidos á anticipación de riscos, maior precisión nos tratamentos médicos ou desenvolvemento da investigación”.

Transferencia

Transferir resultados da investigación á sociedade é un dos obxectivos vertebrais do CITIC en todas as súas áreas de traballo. O binomio TIC e saúde permítelle ao centro de investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e ao colexio profesional sentar as bases para desenvolver conxuntamente proxectos, programas e solucións tecnolóxicas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas. Así mesmo, constitúe unha alianza que amplifica o posicionamento do CITIC nesta materia e permite concorrer a convocatorias e a fondos europeos, como o PERTE de saúde, que dean cobertura integral a este tipo de accións.