CITIC

O CITIC da UDC en Ultreia A Coruña, retos e solucións para un territorio intelixente

25/09/2024 - CITIC
  • O director do centro singular da UDC participou na mesa sectorial “TIC e Audiovisual” 

O director do CITIC da UDC, Manuel G. Penedo, puxo de manifesto a importancia do ecosistema TIC da Coruña e o seu papel clave como dinamizador do emprendemento e da economía, tanto na provincia coma en toda Galicia. Fíxoo durante a mesa de traballo sectorial “TIC e Audiovisual”, que tivo lugar no marco do evento Ultreia A Coruña. A xornada,  organizada pola Confederación de Empresarios de A Coruña (CEC) xunto coas demais confederacións empresariais provinciais e coa colaboración da Xunta de Galicia, forma parte dunha  serie de encontros ‘revolucionarios’ para mobilizar a escena emprendedora galega. O obxectivo é incentivar ós empredendores e axentes do ecosistema e acadar o propósito de impulsar o seu camiño creando sinerxías e identificando retos para os que atopar solucións conxuntas. 

O director do CITIC falou dalgúns dos proxectos máis relevantes nos que traballa o Centro na actualidade e subliñou o seu impacto tanto no plano da investigación de excelencia en Galicia e Europa, como na súa transferencia cara a industria e a influencia en diferentes ámbitos empresariais. 

Manuel G. Penedo aplaudiu iniciativas coma a de Ultreia A Coruña que buscan analizar a situación do emprendemento a través de programas e posibles liñas de traballo en seis sectores estratéxicos para a provincia. Todo elo poñendo en común “coñecemento, experiencia e estratexia esencial para o futuro do I+D+i”, que permita a colaboración de centros tecnolóxicos e de investigación co tecido empresarial.