CITIC
Talentos Inclusivos acto de apertura

O CITIC da UDC impulsa a V edición de Talentos Inclusivos para innovar desde as aulas cara á inclusión

29/11/2024 - CITIC
  • Un total de 15 centros escolares de toda Galicia participan no curso 2024-25 de Talentos Inclusivos, inaugurado hoxe no Museo Domus da Coruña.
  • Os equipos participantes desenvolverán solucións tecnolóxicas para retos como sistemas de accesibilidade en fogares, xogos adaptados ou dispositivos de rehabilitación.

A Coruña, 29 de novembro de 2024. O programa Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, celebrou hoxe no Museo Domus da Coruña o acto de apertura da súa quinta edición.

Trátase dun proxecto que aposta pola inclusión social e que conta con numerosos recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o recente galardon obtido no certame internacional “Ciencia en Acción”.  Esta inciativa, signo de identidade do CITIC, responde ao compromiso do centro de apostar por proxectos cun claro compoñente social,  que fomenten a integración das persoas con discapacidade, sensibilizando á sociedade e fomentando unha ciencia ao servicio da comunidade.

O programa, que conta co apoio institucional do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a FECYT e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Política Social e Igualdade, ten como obxectivo fomentar as vocacións científicas entre o alumnado galego e dar visibilidade á diversidade funcional.

Nesta nova edición, 15 centros educativos de secundaria, bacharelato e Formación Profesional de toda Galicia traballarán en retos detectados por entidades colaboradoras do terceiro sector, como ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella a través do seu centro de Formación da Coruña. Esta última entidade incorpórase nesta edición focalizada no colectivo das persoas maiores.

Entre os retos asumidos en anos anteriores destacan sistemas de accesibilidade en fogares e contornas de traballo, xogos adaptados e dispositivos para o lecer como o “Simón di”; modificación de produtos de apoio creados mediante impresión 3D como adaptadores de mandos para videoconsolas ou soportes para bicicletas; e dispositivos tecnolóxicos innovadores como ventiladores holográficos ou pechaduras electrónicas.

Consolidación do proxecto

Manuel G. Penedo, director do CITIC, destacou na apertura que “Talentos Inclusivos é un dos principais proxectos do CITIC e un exemplo de colaboración entre institucións educativas, científicas e sociais. Estamos orgullosos de seguir promovendo a ciencia inclusiva e de ampliar o impacto deste programa por toda Galicia” e salientou “os numerosos recoñecementos que ten obtido, consolidándose como un referente en iniciativas de inclusión e accesibilidade. A súa expansión e evolución son testemuña do compromiso por mellorar a vida das persoas con discapacidade e fomentar a súa participación activa na sociedade”.

Ademais, Javier Pereira, subdirector do CITIC e coordinador do proxecto, subliñou a importancia de combinar a tecnoloxía con fins sociais: “O alumnado ten a oportunidade de aplicar as TIC para mellorar a vida de persoas reais, o que lles dá unha perspectiva práctica e ética do uso da tecnoloxía”.

O acto contou coa intervención de representantes das entidades promotoras, así como de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Universidade da Coruña. Ademais, usuarios e usuarias de ASPACE Coruña, persoal investigador do CITIC e representantes dos centros educativos participantes compartiron as súas experiencias en edicións anteriores.

Sobre Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto impulsado polo CITIC que se desenvolve ao longo do curso escolar, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía).  O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.

Para máis información, pode visitarse a web do proxecto: https://talentosinclusivos.citic.udc.es.

Sobre o CITIC 

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.  

O CITIC está acreditado como Centro Excelente e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora”.