CITIC

O CITIC da UDC inaugura os Almorzos TIC Talk 2024 cunha sesión sobre TIC e fisioterapia

30/01/2024 - CITIC
  • As investigadoras Isabel Tuñas Maceiras, con charla «Tecnoloxía cun toque humano: o papel crave da fisioterapia» e Ana Xiangning Pereira Ezquerro, falando sobre «Linking Emotions in Multimodal Inputs», foron as encargadas de abrir este ciclo de reunións.  

O ciclo de reunións dirixidas a investigadores que se atopan nas primeiras etapas da súa carreira arrincaron hoxe no CITIC da UDC falando sobre TIC e saúde. En concreto, sobre a importancia das TIC na fisioterapia aplicada ao estudo da dor cervical crónica.

Isabel Tuñas achegou as claves do seu proxecto de tese doutoral que se basea no estudo da dor cervical crónica, como continuación ás bases asentadas no seu traballo de final de grao e de máster. No traballo trata de combinar a fisioterapia coa tecnoloxía de forma que se poidan detectar patróns ou formas de corrixir a postura e de eliminar ou reducir a dor. O estudo preténdese realizar en dúas fases, a primeira fase consistirá na realización de probas como sentar, camiñar ou coller un peso co sistema Optitrack, de forma que este rexistre os datos derivados como o tempo que se tarda en facer o movemento, as posturas iniciais e finais… A segunda fase desenvolveríase nun sistema de realidade virtual inmersivo, consistente nunha contorna adaptada no que se poidan realizar accións como as descritas na fase un e ver como se podería mellorar o movemento.

Ana Ezquerro presentou o seu modelo en desenvolvemento que busca identificar emocións utilizando entradas multimodais, que integran texto, vídeo e audio. O modelo céntrase na predición de grafos, co obxectivo de determinar se un fragmento específico dunha escena inflúe na emoción xerada nunha escena posterior. Na presentación explicou como funcionan estes modelos a nivel conceptual e de maneira visual. Ademais, mostráronse resultados preliminares que destacan a complexidade e subxectividade inherentes a estas tarefas, o que suxire diversas posibilidades para investigacións futuras neste campo.

Os Almorzos TIC Talk teñen unha periodicidade mensual e buscan potenciar a transversalidade e promover posibles colaboracións e sinerxías entre o persoal investigador.