CITIC
Equipo Pillar Robots

O CITIC da UDC lidera un consorcio internacional para crear unha nova xeración de robots autónomos con aplicación en sectores coma o agroalimentario, o educativo, a produción industrial e o comercio

28/11/2022 – CITIC

Crear robots máis autónomos que resolvan situacións reais no sector agroalimentario, no entretemento educativo, no campo da produción industrial non estruturada e no comercio. Este é o obxectivo principal do proxecto PILLAR-Robots (Purposeful Intrinsically motivated Lifelong Learning Autonomous Robots), un consorcio internacional liderado desde o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, nacido ao amparo do programa Horizonte Europa, que conta cun orzamento de total de preto de 5 millóns de euros, dos cales repercutirán no CITIC máis de 1 millón.

Intelixencia artificial para o deseño de robots máis humanos

PILLAR-Robots busca desenvolver unha nova xeración de robots dotados dun maior nivel de autonomía. “Estes robots, segundo explica o investigador principal do consorcio, Richard Duro, “poderán determinar os seus propios obxectivos e establecer as súas propias estratexias, aproveitando creativamente a experiencia adquirida durante a súa vida para satisfacer os desexos dos seus deseñadores (usuarios humanos en aplicacións da vida real). Con este fin, o proxecto porá en práctica o concepto de propósito, extraído das ciencias cognitivas, para aumentar a autonomía e a independencia do dominio dos robots durante a aprendizaxe”.

Os propósitos guiarán a adquisición de coñecementos e habilidades que son realmente relevantes para operar en situacións reais. En particular, o proxecto desenvolverá, por unha banda, algoritmos para a adquisición de propósitos, co obxecto de sesgar os sistemas de percepción, motivacionais e de decisión da arquitectura cognitiva desenvolvida para os robots cara a eses propósitos. Pola outra, busca establecer estratexias para a aprendizaxe autónoma de representacións, habilidades e modelos que permitirán as decisións que eventualmente leven a alcanzar propósito. Isto inclúe decisións sobre o que hai que aprender e en que secuencia.

“Así, PILLAR-Robots”, asegura o investigador do CITIC “porá en práctica e validará demostradores da chamada aprendizaxe aberta (en situacións non previstas durante o deseño dos robots) utilizando a arquitectura cognitiva intrinsecamente motivada que se desenvolverá durante o proxecto e todas as estratexias adicionais relacionadas co propósito. Estas implementacións realizaranse en tres campos de aplicación diferentes, caracterizados por distintos tipos e niveis de variabilidade e incerteza: o agroalimentario, o do entretemento educativo e no campo da produción industrial non estruturada e o do comercio”.

Investigación de vangarda en Europa

Para a realización deste traballo creouse un consorcio liderado polo Grupo Integrado de Ingeniería (GII) que dirixe Richard Duro, como parte dun equipo do CITIC da UDC e no que colaboran equipos de gran prestixio do CNR (Consiglio Nazionale delle Ricerche) italiano, a Universidade de La Sorbona de París, o centro de investigación Athina de Atenas, AI2Life SRL, empresa especializada en aplicacións de Intelixencia Artificial italiana e PAL Robotics, un dos grandes fabricantes de robots de servizo de Europa, situado en España.