CITIC

O CITIC da UDC participa na Cidade das TIC no congreso Coruña Innovate Summit

23/10/2024 - CITIC
  • O evento, que terá lugar os días 24 e 25 de outubro, pretende ser un punto de encontro dos axentes que traballan coa tecnoloxía que transformará as empresas e a sociedade no seu conxunto
  • A investigadora do CITIC e catedrática da UDC Amparo Alonso Betanzos impartirá o venres unha conferencia sobre os orzamentos en IA

 A Coruña, 23 de outubro de 2024.- O Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC acollerá os días 24 e 25 de outubro o Coruña Innovate Summit, un encontro que reunirá a startups, empresas e profesionais que traballan coas tecnoloxías máis innovadoras que darán forma ao futuro dos seus sectores.

O Coruña Innovate Summit preséntase como moito máis que un congreso sobre IA, Big Data ou Machine Learning. As persoas expertas que participarán nas xornadas mostrarán ao público asistente como dan vida a solucións dixitais, asumindo o reto de transformar as organizacións e tamén á sociedade.

O evento dará inicio mañá xoves, 24 de outubro, ás 16:30 horas, coa inauguración por parte do reitor da UDC, Ricardo Cao, e da deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García López. Tras o acto institucional, terán lugar as primeiras conferencias, a cargo de Enrique Vesteiro Rivas, responsable de Investigación, Desenvolvemento e Innovación no Grupo Cofrico, e Antonio Fabregat, líder de grafos do coñecemento en AstraZeneca.

O venres 25, a investigadora do CITIC Amparo Alonso, abrirá as conferencias da mañá co relatorio “IA cun orzamento: frugal e sostible”. A segunda xornada contará así mesmo con poñentes procedentes do mundo empresarial como Paco Nathan, enxeñeiro principal DevRel en Senzing; Fernando Manzanera Pérez, líder técnico de fatiga e tolerancia ao dano en CT Ingenieros; Dimitrios Athanasakis, enxeñeiro principal de IA no Centro de IA en AstraZeneca; Rocío Vega Martínez,  responsable en dixitalización en Reganosa, Ioannis Alexandros Antonoglou, CTO e cofundador de Reflection AI, Kadripathi KN, enxeñeiro de IA en IONA Drones UK, e David Vázquez, responsable de desenvolvemento de negocio en ITG DroneSolutions.

O Coruña Innovate Summit está organizado pola empresa DataSpartan e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, o Consorcio de Turismo da Coruña e o Centro de Servicios Avanzados (CSA).

Máis información e inscricións nesta ligazón.