
O CITIC da UDC participa na Open Science de Cambre con actividades sobre tecnoloxías accesibles
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña participará este domingo no evento Open Science de Cambre, onde presentará diversas actividades orientadas á accesibilidade tecnolóxica.
Durante a xornada da mañá, desenvolveranse propostas innovadoras vinculadas ao uso da tecnoloxía como ferramenta de inclusión. Así, o investigador Jerónimo José Pardo Rodríguez realizará xogos para o traballo de habilidades cognitivas en persoas con discapacidade intelectual mediante realidade virtual.
Pola súa banda, Paula de Santos Dorrego levará a cabo a actividade Switch, Mario Kart con adaptación para o manexo de mando a través do tronco ou da cabeza. Mentres tanto, Jorge Rivadulla Brey será o encargado dos xogos personalizados para o ámbito das persoas con discapacidade: “Compra con-migo”.
Finalmente, Javier Pereira Loureiro e Irene Brage Vázquez ofrecerán unha demostración de pintura cun produto de apoio de cabeza, así como unha exposición dos retos tecnolóxicos do programa Talentos Inclusivos, entre os que se inclúe un taboleiro de pictogramas elaborado mediante impresión 3D.
Con esta participación, o Centro TIC da UDC reforza o seu compromiso co desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que promovan a inclusión e melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade.