CITIC

O CITIC da UDC participa na primeira contorna de probas da UE para supervisar sistemas de Intelixencia Artificial

07/04/2025 - CITIC
  • A Fundación CITIC de Galicia desenvolverá a tecnoloxía e no seu despregamento participarán a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Axencia Galega de Emerxencias coa colaboración do Clúster TIC.
  • O proxecto para transcribir chamadas de emerxencias ao 112 é un dos 12 seleccionados para o primeiro sandbox –contorna de probas para avaliar sistemas antes da súa implementación definitiva-  asociado ao Regulamento europeo de IA.
  • O investigador Tiago Manuel Fernández Caramés e o director do centro, Manuel González Penedo, dirixen este proxecto que permitirá seguir avanzando na integración da IA en servizos esenciais.

A Coruña, 7 abril de 2025.- O proxecto galego no que participa o CITIC da UDC, que mellorará a fiabilidade da transcrición das conversas co servizo de emerxencias 112 de Galicia e recoñecerá automaticamente o idioma, foi un dos seleccionados para participar no primeiro sandbox europeo de intelixencia artificial. Trátase dun espazo de proba regulado que permite testar tecnoloxías innovadoras en condicións controladas antes da súa implementación definitiva. Este mecanismo, recollido no Regulamento europeo de IA, garante que estes sistemas cumpran cos requisitos legais e de seguridade antes do seu despregamento xeralizado.

Para este sandbox, o Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, escolleu doce proxectos baseados en IA de alto risco. Esta clasificación afecta ao acceso a servizos esenciais públicos ou privados, biometría, emprego, insfraestruturas críticas, maquinaria, produtos sanitarios e produtos para diagnose in vitro. A Xunta de Galicia é a única administración pública implicada neste proceso e, polo tanto, a primeira en participar nunha experiencia piloto deste tipo a nivel europeo.

A Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (FCITICG) será a encargada de desenvolver a tecnoloxía necesaria, neste proxecto liderado desde o CITIC da UDC polo investigador Tiago Manuel Fernández Caramés e o director do centro, Manuel González Penedo. No seu despregamento participarán a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Na iniciativa contará tamén coa participación do Clúster TIC de Galicia, que difundirá este coñecemento adquirido entre as empresas tecnolóxicas galegas.

Este proxecto ten a capacidade de mellorar os resultados da transcrición de audios de baixa calidade, incorpora o inglés a un modelo que xa entende o galego e o castelán e, ademais, incorpora un sistema de detección automática do idioma. Estas gravacións son utilizadas para verificar os datos durante unha emerxencia e, se é necesario, tamén son empregados con fins xudiciais.

O director do CITIC da UDC, Manuel González Penedo, destaca “que o noso proxecto sexa o único galego seleccionado entre as doce propostas a nivel nacional é un reflexo de que Galicia está á vangarda na implementación de solucións innovadoras baseadas en IA. Desde o CITIC levamos anos colaborando coas administracións públicas, e este traballo reforza o noso compromiso co desenvolvemento tecnolóxico aplicado á sociedade. Este proxecto, dirixido polo investigador do CITIC Tiago Manuel Fernández Caramés e eu mesmo, permitirá seguir avanzando na integración da IA en servizos esenciais. Ademais, servirá como base para definir as boas prácticas e o marco normativo que garantirán o seu uso responsable e eficiente”.

Pola súa banda, Tiago Manuel Fernández Caramés, salientou a importancia deste proxecto: “a intelixencia artificial está a revolucionar múltiples sectores, e a súa aplicación no ámbito das emerxencias pode marcar unha diferenza crucial na rapidez e precisión coa que se xestionan situacións críticas. O noso traballo permitirá que o sistema de transcrición do 112 sexa máis preciso, robusto e adaptable, garantindo un servizo máis eficaz para a cidadanía”.

Por outro lado, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou a importancia deste proxecto para Galicia porque “o coñecemento de como o Regulamento afectará ao desenvolvemento e posta en marcha de sistemas de IA é o principal valor da participación nesta contorna de probas”. Segundo manifestou, “este coñecemento tamén facilitará que a Xunta poida asegurar un despregamento seguro da IA e, coa implicación do Clúster TIC, reducir as incertezas das empresas”.

Finalmente, Cerviño indicou que a participación nesta experiencia “mantén á nosa comunidade na vangarda do desenvolvemento, liderado por Europa, dunha intelixencia artificial ética e segura”. Neste sentido, lembrou que Galicia é a primeira rexión europea en dispor dunha lei que garante e ofrece mecanismos para facer valer os dereitos das persoas ante o uso da IA por parte da Administración e tamén é o lugar que acolle a primeira axencia estatal de supervisión de intelixencia artificial que se creou no ámbito europeo.