O CITIC da UDC participa na segunda reunión transnacional do proxecto europeo Design2Freedom en Košice-Eslovaquia
O CITIC da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) e outros socios europeos, continúa co seu compromiso coa inclusión social e a accesibilidade mediante o proxecto europeo “Design to Freedom” (D2F). Neste contexto, os pasados 19 e 20 de setembro, as investigadoras do CITIC da UDC María del Carmen Miranda Duro e Betania Groba González, participaron nunha xornada de traballo celebrada na cidade eslovaca de Košice, organizada en conxunto coa Universidad Técnica de Košice (TUKE) e outros colaboradores europeos, co obxectivo de promover boas prácticas en modelos centrados na persoa e explorar novas solucións tecnolóxicas para a inclusión das persoas con discapacidade en contornas educativas e sociais.
A xornada comezou coa presentación de boas prácticas por parte das entidades participantes, destacando exemplos de modelos centrados na persoa, tanto dentro como fora do ámbito universitario. Cada entidade dispuxo de 10 minutos para presentar a súa iniciativa, seguidos dun breve espazo para preguntas que fomentou un ambiente participativo e de aprendizaxe mutua.
Un dos momentos clave foi a introdución a un hackaton organizado pola UDC, que buscou involucrar aos participantes nunha dinámica innovadora para crear solucións inclusivas. Durante a xornada, os asistentes traballaron en equipos nun “mini-hackaton”, o que permitiu unha mellor comprensión das instrucións e conceptos presentados, fundamentais para o proxecto.
Despois dunha pausa, TUKE ofreceu unha demostración das súas tecnoloxías de apoio para a accesibilidade, destacando os avances e recursos dispoñibles para facilitar a inclusión. As persoas asistentes participaron nun recorrido polo campus de TUKE para coñecer de cerca as súas instalacións accesibles, apreciando a importancia de crear contornas educativas inclusivas.
Ademais, realizouse unha visita á Slovak Union of the Blind and Visually Impaired, na que os participantes puideron coñecer os servicios e apoios que brinda esta entidade, reforzando o compromiso do proxecto “Design2Freedom” coa discapacidade.
O segundo día da reunión centrouse nos resultados do hackaton, no que os equipos presentaron as súas propostas ante un xurado liderado pola Universidade da Coruña. As ideas innovadoras expostas abriron o camiño para o desenvolvemento de solucións que faciliten a vida diaria das persoas con discapacidade.
A xornada continuou coa sesión liderada por COCEMFE e a UDC, onde se discutiron a estrutura e as temáticas da próxima fase do proxecto, denominada LTT2, que se celebrará en A Coruña a principios de decembro. Ademais, establecéronse os roles de cada socio e determináronse as ferramentas comúns para o procedemento e a avaliación.
O proxecto “Design2Freedom” sigue avanzando cara o seu obxectivo de promover a autonomía das persoas con discapacidade mediante a implementación de tecnoloxías de apoio e a creación de contornas accesibles. Estas xornadas de traballo en Košice serviron para consolidar a colaboración entre entidades europeas e reforzar o compromiso coa inclusión.
O proxecto “Design2Freedom” está financiado polo Programa Erasmus Plus e cofinanciado pola Comisión Europea.