O CITIC da UDC participa no foro europeo do 8M para impulsar a igualdade no sector dixital
- A investigadora María Suárez Taboada e Alexia Díaz Cerceda, da área de Proxectos Internacionais do CITIC, asistiron ao evento promovido polo Women in Digital Forum con ocasión do día internacional da muller, no que se destacaron iniciativas do Centro TIC para fomentar a participación das nenas e mulleres nas STEM ou a carta de compromiso de boas prácticas de xénero.
As iniciativas do grupo permanente de igualdade do CITIC da UDC sitúanse na vangarda das boas prácticas de xénero, tanto a nivel industria como a nivel da administración pública. Así se constatou no International Women’s Day 2026: Closing the gender gap in digital/Shaping Europe’s digital Future celebrado en Bruxelas. Alexia Díaz Cerceda, da área de internacional do CITIC, e María Suárez Taboada, investigadora do centro, participaron os días 8 e 9 de marzo no evento International Women’s Day 2026 organizado pola Comisión Europea, centrado en pechar a brecha de xénero no sector dixital.
As representantes do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións asistiron a este encontro europeo no marco do Women in Digital Forum, plataforma da que forma parte o CITIC, que reúne a expertas, responsables institucionais e organizacións para impulsar políticas e accións que reforcen a presenza das mulleres no ámbito tecnolóxico.
Durante o evento, Díaz e Suárez contribuíron, desde a experiencia do grupo permanente de igualdade do CITIC, aos traballos de análise comparativa en materia de xénero que formarán parte das conclusións que informarán o próximo Women in Digital Declaration, un documento estratéxico inicialmente aprobado en abril de 2019, que a Comisión Europea renovará proximamente.
Neste contexto, lembraron que o foro Women in Digital elaborou, desde a súa creación en abril de 2025, a través dos seus seminarios e grupos de traballo, unha lista de 12 recomendacións normativas orientadas a fortalecer a presenza de mulleres nas tecnoloxías da información e as comunicacións. Estas propostas servirán de base para o desenvolvemento de novas políticas europeas en materia de igualdade no sector dixital.
As representantes do CITIC tamén destacaron que as iniciativas impulsadas desde o grupo permanente de igualdade do centro sitúanse á vangarda das boas prácticas en materia de xénero, tanto no ámbito industrial como no da administración pública. Entre elas, figura a “Carta de compromiso” dirixida ao persoal investigador do centro, orientada a reforzar o compromiso institucional coa igualdade.
Outro dos principais retos identificados durante o encontro foi a necesidade de actuar desde etapas educativas temperás para fomentar que nenas e mozas opten por estudos e carreiras vinculadas ás TIC e ás disciplinas STEM. Neste sentido, as iniciativas do CITIC dirixidas a centros educativos, como as visitas de colexios e institutos ás súas instalacións, foron valoradas moi positivamente no foro, ao contribuír a espertar vocacións tecnolóxicas entre as novas xeracións.