O CITIC da UDC participa no proxecto europeo sobre comunidades enerxéticas sostibles do Atlántico para avanzar en descarbonización
- O proxecto SAtComm, activo ata finais do 2026, integra a 11 entidades públicas e privadas de catro países: España, Irlanda, Portugal e Francia e busca definir un modelo de transición cara á enerxía limpa en Europa.
- A proposta do CITIC inclúe o modelado de todos os elementos das comunidades enerxéticas, ademais da detección de posibles anomalías para a súa corrección e optimización do proxecto.
A Coruña, 30 de agosto de 2024. Os investigadores do CITIC da Universidade da Coruña José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián forman parte do proxecto europeo de comunidades enerxéticas sostibles do Atántico (SAtComm), que acaba de mostrar os seus avances en materia de descarbonización. Trátase dun proxecto Interreg da zona atlántica do que forman parte once entidades públicas e privadas de catro países diferentes (España, Irlanda, Portugal e Francia) e que conta cun orzamento total de máis de tres millóns de euros, dos cuales a Universidade da Coruña participa cunha dotación de 405.000,01 euros.
Autoxestionar a enerxía limpa
As Comunidades Enerxéticas (CES) son entidades xurídicas formadas por socios que xeran e consomen a súa propia enerxía renovable e que teñen a opción de vender o excedente a outros clientes próximos ao momento de xeración. Con isto permítese que a cidadanía, desde o plano residencial ata o industrial, poida xestionar a xeración, a demanda e o almacenamento da enerxía de maneira eficiente, sen recorrer a intermediarios.
O proxecto SAtComm, prevista a súa finalización para novembro do 2026, céntrase en definir un modelo eficiente e sostible para a implantación destas comunidades no ámbito europeo que sirva, ademais, como instrumento para a transición cara á enerxía limpa e a descarbonización do noso territorio. Para iso realízase unha análise que inclúe aspectos de regulación, propostas para a predición da xeración e a demanda, novos modelos de xestión enerxética e mesmo sistemas intelixentes para a detección de anomalías no funcionamento.
A proposta do CITIC da UDC ten como primeiro obxectivo modelar todos os elementos das Comunidades Enerxéticas (CES) utilizando datos históricos, perfís de usuarios e os tipos de carga que deben abastecer. Estas unidades individuais integraranse nun modelo global, o que permitirá emular o comportamento das diferentes CES analizadas. Ademais, o equipo de investigación do CITIC busca identificar e analizar posibles fallos ou anomalías nos compoñentes das CES para anticipar problemas e tomar decisións acertadas na xestión, asegurando un funcionamento óptimo durante a súa operación.
Modelo exportable
SAtComm trata de brindar ás comunidades enerxéticas as ferramentas que necesitan para ter o control da súa enerxía e contribuír activamente a que os nosos sistemas enerxéticos sexan máis limpos. As novas normas da Unión Europea están a facer que os usuarios individuais de enerxía sexan máis centrais no cambio cara a unha enerxía máis limpa. Con todo, cada país da UE está a adoptar estas regras á súa maneira, o que dificulta que as comunidades de enerxía teñan un impacto significativo nesta transición.
SAtComm planea analizar as regras nas catro rexións da área Atlántica, crear e utilizar tecnoloxías que funcionen para todos e asegurarse de que sexan sostibles. Desta maneira, todo tipo de usuarios de enerxía, desde industrias ata fogares, terán a capacidade de poder intercambiar enerxía directamente entre si, xestionar o seu uso de maneira intelixente ou almacenar enerxía en baterías. O proxecto está a probar estas tecnoloxías en áreas rurais e costeiras das catro rexións, e as conclusións compartiranse para que outras comunidades enerxéticas poidan utilizalas como guía para adoptar conceptos de enerxía intelixente similares, de maneira que se converta nun modelo exportable a outras áreas ou rexións.