CITIC

O CITIC da UDC, peza clave na publicación do novo arquivo de datos Gaia FPR por parte de Axencia Espacial Europea

11/10/2023 - CITIC

A Axencia Espacial Europea (ESA) fixo público un novo arquivo de datos astronómicos da misión Gaia, denominado “Gaia FPR”, que está xa dispoñible para a comunidade internacional. O grupo de investigadores galegos, liderado polo CITIC da UDC, tivo un papel fundamental na validación dos datos contidos neste arquivo. A validación de datos é un proceso esencial no que se garante a calidade e coherencia da información científica, para o que se realizaron exhaustivas probas estatísticas para eliminar calquera información errónea ou de calidade insuficiente.

Ademais do seu papel na validación, a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos os investigadores do CITIC da UDC, xunto co resto de equipo de Gaia na UDC, participan como autores nos artigos científicos que acompañarán a apertura deste arquivo.

Este novo lanzamento marca un importante fito na Astronomía en áreas moi diversas, que cobren desde o estudo de asteroides próximos á Terra e outros obxectos do Sistema Solar, ata os cuásares, os obxectos máis antigos e afastados do Universo. Como sempre ocorre coas medidas do satélite Gaia, os datos son inmediatamente compartidos e postos ao dispor dos investigadores de todo o mundo, que é a maneira máis efectiva para conseguir que o coñecemento, neste caso do Universo, avance rapidamente.

O mellor mapa da nosa galaxia

Gaia está a cartografar a nosa galaxia e outras máis afastadas cun extraordinario grao de detalle e en varias dimensións, non só obtendo posicións de estrelas da Vía Láctea e de galaxias próximas, senón tamén as súas velocidades e a medida da súa luz en multitude de cores. Isto permítenos obter o censo estelar máis preciso xamais realizado. A misión está a brindar unha imaxe detallada do noso lugar no universo, ao permitir comprender mellor a natureza e propiedades dos diversos obxectos que o integran

Entre os produtos que se inclúen en Gaia FPR, atópanse datos únicos e dunha calidade sen precedentes sobre unha ampla variedade de obxectos astronómicos. Isto inclúe a obtención das órbitas detalladas de asteroides e satélites planetarios dentro do noso sistema solar. Esta información é fundamental para predicir con precisión as súas futuras posicións, o que é particularmente relevante para os NEOs (do inglés Near Earth Objects, obxectos próximos á Terra) debido ao seu potencial perigo.

No que se refire aos obxectos máis distantes no universo, os cuásares, Gaia FPR tamén ofrece información valiosa. En concreto fixo pública unha lista de 381 obxectos que son candidatos firmes a ser “lentes gravitacionales”. Estas lentes son imaxes repetidas dun único cuásar, producidas cando a luz do mesmo se curva debido á presenza dunha galaxia no seu camiño, creando imaxes repetidas no ceo. Detectar estes obxectos é un desafío significativo, e Gaia logrou descubrir novos obxectos deste tipo.

Outro achado destacado de Gaia FPR é a información detallada sobre a presenza de nubes de po na Vía Láctea que afectan á intensidade lumínica das estrelas en certas cores, coñecidas como Bandas Difusas Interestelares (DIBs). Gaia logrou medir estas DIBs en todo o ceo por primeira vez, proporcionando unha información que será crucial para entender a orixe química das moléculas que conteñen estas enigmáticas nubes de po interestelar.

Ademais, o arquivo contén unha lista detallada de brillos e posicións precisas de máis de medio millón de estrelas no centro do cúmulo estelar Omega Centauri, o grupo de estrelas máis grande da Vía Láctea, que se sospeita que pode albergar un buraco negro no seu núcleo.

Finalmente, Gaia FPR ofrece información sobre velocidades na liña de visión dun conxunto de estrelas cuxo brillo varía ao longo do tempo, coñecidas como estrelas variables de período longo.

Liderazgo coruñés

A misión espacial Gaia é actualmente a misión científica máis exitosa da Axencia Espacial Europea e está a supoñer un salto xigantesco na comprensión da estrutura e a formación da nosa galaxia, a Vía Láctea, así como noutros moitos campos da astrofísica. O grupo CU8 no que participa o CITIC, ten responsabilidades importantes no procesado dos datos obtidos polo satélite, e colabora na obtención das características físicas das estrelas, como a súa temperatura, composición química, tamaño e masa, entre outros.

Os catálogos de datos de Gaia publicados ata o momento supuxeron un enorme éxito para a Axencia Espacial Europea e para o consorcio europeo DPAC responsable do procesado de datos, que mesmo recoñeceu a Sociedade Astronómica Americana ao outorgarlles o premio Lancelot M. Berkeley en 2022. DPAC está formado por 450 científicos e enxeñeiros de máis de 20 países e máis de 100 universidades e institutos europeos. Entre eles atópanse a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos os investigadores do CITIC da UDC, quen lidera a participación galega na misión Gaia. Concretamente, traballan nas unidades CU8 e CU9, achegando de técnicas e ferramentas para a validación científica dos datos do satélite, e desenvolvendo algoritmos baseados en IA para clasificar e derivar propiedades das fontes que observa o satélite, tanto estrelas como obxectos extragalácticos.

O número de traballos científicos baseados nos datos de Gaia publicados anualmente supera ao telescopio Hubble, ata o de agora o que maior produción científica xerara.