CITIC
XV Jornadas de Ingeniería Telemática_1_

O CITIC da UDC, punto de encontro para profesionais da telemática coas XV Xornadas de Enxeñería Telemática

28/10/2021 – CITIC

  • O CITIC acolle esta semana as XV Xornadas de Enxeñería Telemática, que reciben a preto de 70 profesionais do ámbito.
  • O evento está organizado polo CITIC e a Sociedade Científica de Enxeñería Telemática e conta coa colaboración do Concello da Coruña.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle esta semana as XV Xornadas de Enxeñería Telemática – JITEL 2021, que organiza o centro xunto coa Sociedade Científica de Enxeñería Telemática (SCITEL) e que conta coa colaboración do Concello da Coruña. Arredor de 70 profesionais procedentes de universidades de toda España, que imparten docencia e investigan en temas relacionados coas redes e os servizos telemáticos, estanse a dar cita nas xornadas. Presentaranse un total de 58 traballos, realizados por 94 autores procedentes de 22 universidades españolas.

O evento deu comezo este mércores, cunha sesión inaugural na que participaron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso; o Director Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Goberno de España, Arturo Azcorra Saloña; o presidente da Asociación de Telemática, Eduardo Jacob Taquet; a investigadora e membro do Comité de Dirección do CITIC, Bertha Guijarro Berdiñas; e o presidente do Comité de Programa das XV Xornadas de Enxeñería Telemática, Víctor Manuel Carneiro Díaz.

O reitor da UDC, Julio Abalde Alonso, destacou o “papel fundamental do CITIC para o desenvolvemento do ecosistema TIC na Coruña, onde se congrega o 50 % da facturación do sector en Galicia”. Así, sinalou que o “CITIC xera as sinerxías necesarias co ámbito empresarial, cunha estrutura que permite traballar conxuntamente coas empresas”.

O presidente do Comité de Programa das xornadas, Víctor Manuel Carneiro Díaz, apuntou que “a telemática é unha área estratéxica, o que se puxo de manifesto durante este último ano e medio, xa que foi crucial en todos os aspectos da sociedade”.

Nesta liña, a investigadora e membro do Comité de Dirección do CITIC, Bertha Guijarro Berdiñas, engadiu que “nas xornadas danse a coñecer traballos no campo da telemática que tamén teñen repercusión noutros ámbitos de especial importancia”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Telemática, Eduardo Jacob Taquet, asegurou que a “enxeñería telemática axuda a cambiar o mundo”, e que “a telemática é unha palabra que está en boca de todos; o único que nos queda é ensinar que quere dicir”.

Finalmente, o Director Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do Goberno de España, Arturo Azcorra Saloña, declarou que “A Coruña é un dos lugares onde máis aposta se está realizando na inserción das TIC, o cal se reflexa co proxecto da Cidade das TIC”. Tamén manifestou que “en España debemos reforzar o noso papel en Europa en canto á transformación dixital”.