CITIC

O CITIC da UDC recibe a visita do presidente da Deputación da Coruña

12/09/2024 - CITIC
  • Valentín González Formoso mantivo un encontro co persoal investigador para coñecer os proxectos estratéxicos do centro no ámbito do terceiro sector, a aplicación das TIC nas políticas públicas e as principais implementacións da IA. 
  • O responsable do ente provincial visitou  espazos do centro como a Sala Demostrador Tecnolóxico, un espazo único en Galicia dedicado á divulgación de proxectos de investigación e innovación en TIC, onde se expoñen prototipos, produtos en desenvolvemento e material didáctico e Colección OitoBits.  

A Coruña, 12 de setembro de 2024.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías de la Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña recibiu este xoves a visita do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen puido coñecer de primeira man proxectos e programas promovidos desde o centro, a través dos que se está a impulsar o uso da tecnoloxía dende un punto de vista igualitario e inclusivo en ámbitos como o terceiro sector.  

Na visita do presidente do ente provincial estiveron o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao e o director do CITIC, Manuel González Penedo. Tras a visita, Formoso  mantivo un encontro de traballo con persoal investigador do centro que lidera iniciativas innovadoras que están a favorecer a inclusión de colectivos como as persoas con discapacidade a través do uso da tecnoloxía e máis concretamente da IA.  

O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, salientou as colaboracións que a UDC e a Deputación da Coruña están tendo no campo das TIC, en particular na Cidade das TIC; co plató virtual cuxas obras se están a realizar a moi boa marcha; pero tamén en programas como Talentos Inclusivos e noutras iniciativas como, por exemplo, o “Green Power”, que se desenvolve na vila das Pontes de García Rodríguez. Tamén destacou a cooperación de ambas institucións na First Lego League do Campus Industrial e noutros proxectos culturais, agradecendo á Deputación a súa colaboración en todas estas iniciativas, así como na cesión do Pazo de Mariñán para as Xornadas Iberoamericanas do Dereito administrativo. “Estamos tendo unha relación moi estreita coa Deputación”, comentou o reitor , “que queremos intensificar no ámbito das TIC”, engadiu. 

O director do CITIC, Manuel González, subliñou “a importancia da colaboración coas institucións públicas para o desenvolvemento tecnolóxico e social de Galicia. No CITIC, cremos que a innovación debe ser unha ferramenta ao servizo de toda a sociedade, e é por iso que traballamos para que os nosos avances en IA e tecnoloxías da información se traduzan nunha maior inclusión e igualdade de oportunidades para todas as persoas”. Neste senso, destacou que “proxectos como Talentos Inclusivos son un claro exemplo do noso compromiso por facer da tecnoloxía un medio para a integración” e engadiu que “a colaboración con administracións como a Deputación da Coruña é fundamental para seguir impulsando proxectos que poñen o foco no benestar colectivo. A nosa visión común de fomentar a inclusión a través da innovación tecnolóxica permítenos avanzar cara a un futuro máis xusto e equitativo, impulsando novas iniciativas que nos permitan seguir liderando a transformación dixital con impacto social positivo”.  

Precisamente, a Deputación da Coruña acaba de entrar a formar parte do Consello Reitor do CITIC da UDC, co seu presidente, Valentín González Formoso, como representante, quen destacou que “o talento, a ciencia e o coñecemento son as bases dunha sociedade de progreso, polo que debe ser unha prioridade apoialo desde as administracións públicas”. Neste senso, Formoso afirmou que “estamos moi lonxe de alcanzar ese 2% do PIB destinado a ciencia e investigación que recomenda a Unión Europea” e pediu que se elevase o investimento destinado a tal fin.  

Visita ás instalacións e encontro con investigadores 

O presidente da Deputación mantivo tamén un encontro coa dirección do centro, e Amparo Alonso e  Nieves R. Brisaboa, investigadoras do CITIC, a través do que puido coñecer as liñas estratéxicas de investigación do centro en ámbitos como o terceiro sector, no que o CITIC é un referente a nivel tanto autonómico como estatal, así como distintas aplicacións da Intelixencia Artificial en áreas coma a saúde ou o medio ambiente e a súa implementación nas políticas públicas. 

Ademais do encontro, Valentín González Formoso, realizou unha breve visita ás instalacións centro TIC da Universidade da Coruña, coñecendo espazos como a Sala Demostrador Tecnolóxico ou a Colección OitoBits, que integrará o futuro museo do CITIC.  

O Demostrador Tecnolóxico do CITIC é un espazo único en Galicia dedicado á divulgación de proxectos de investigación e innovación en TIC, onde se expoñen prototipos, produtos en desenvolvemento e material didáctico. A través desta sala, preséntanse proxectos como unha aplicación de visión artificial para diagnóstico ocular, realidades virtuais para a rehabilitación, e un robot educativo, entre outros. Este espazo facilita a formación e interacción con novas tecnoloxías, contribuíndo á difusión do coñecemento ao ámbito social e económico.