CITIC

O CITIC da UDC, referente europeo en solucións TIC para saúde

03/12/2025 - CITIC
  • O seu papel no proxecto europeo de reposicionamiento de fármacos, RePo-SUDOE, céntrase en desenvolver ferramentas avanzadas en medicina personalizada
  • O equipo liderado polo investigador do CITIC, Carlos Fernández Lozano, traballa na optimización de tratamentos grazas a solucións TIC como unha base de datos de fármacos, aplicacións web e móbiles ou a implementación computacional do reposicionamiento mediante técnicas de aprendizaxe automática
  • A segunda conferencia desta iniciativa, que reunirá a persoal investigador, institucións científico-tecnolóxicas e empresas biotech, está promovida pola UDC e a Agrupación industrial Saúde de Galicia, e terá lugar os próximos 15 e 16 de decembro na Coruña

A Coruña, 03 de decembro de 2025.- O CITIC da Universidade da Coruña, centro da Rede CIGUS, reafirma o seu papel como referente europeo en solucións TIC aplicadas á saúde a través da súa participación no proxecto europeo RePo-SUDOE, centrado no reposicionamiento de fármacos mediante medicina personalizada.

O equipo liderado polo investigador do CITIC, Carlos Fernández Lozano, traballa na optimización de tratamentos grazas a ferramentas TIC avanzadas, como bases de datos, aplicacións web e móbiles, e a implementación computacional do reposicionamiento de fármacos mediante técnicas de aprendizaxe automática. Estas solucións permiten avanzar en tratamentos máis precisos e eficientes, contribuíndo a reforzar o ecosistema biofarmacéutico da rexión SUDOE (España, Francia e Portugal).

O enfoque de “drug repurposing” aproveita medicamentos xa aprobados para novas indicacións, reducindo custos, acelerando procesos de desenvolvemento e diminuíndo a pegada ambiental, ao mesmo tempo que ofrece solucións para retos actuais como a resistencia a antibióticos e outras enfermidades infecciosas ou xenéticas. Segundo Fernández Lozano, esta estratexia tamén contribúe a un uso máis eficiente dos recursos sanitarios e favorece a innovación rápida na industria farmacéutica.

O proxecto RePo-SUDOE promove a colaboración multidisciplinar: perfís especializados en bioloxía, bioinformática, enxeñería, química farmacéutica e en saúde pública traballan para analizar grandes volumes de datos e desenvolver ferramentas que faciliten a interpretación de resultados complexos, adaptándoos a distintos contextos terapéuticos.

Segunda Conferencia na Coruña

O próximo 15 de decembro, o Hotel Finisterre da Coruña será o escenario da Segunda Conferencia do proxecto RePo-SUDOE, promovida pola Universidade da Coruña e a Agrupación industrial Saúde de Galicia, que reunirá a persoal investigador, institucións científico-tecnolóxicas e empresas do sector biofarmacéutico. A conferencia mostrará os avances en métodos de drug repurposing, unha estratexia crave para xerar solucións terapéuticas máis áxiles, económicas e eficaces, e abordará desafíos biomédicos actuais como a resistencia a fármacos mediante tecnoloxías de precisión e novas aproximacións científicas.

O programa incluirá relatorios especializados en farmacoloxía, oncoloxía, diagnóstico, multi-ómica, intelixencia artificial e biomedicina, así como unha mesa redonda sobre a regulación do reposicionamiento de fármacos e un espazo de demostracións e networking. Este encontro reforza a colaboración entre centros de investigación, universidades e empresas do sector, promovendo a transferencia de coñecemento e a creación de sinerxías no ámbito biomédico europeo.

O CITIC da UDC acollerá o día 16 de decembro unha sesión especial, con presentacións detalladas dos avances científicos do proxecto, unha demostración profesional de realidade virtual e unha visita guiada ás instalacións do centro. Os asistentes poderán coñecer de primeira man ao equipo investigador responsable dos principais fitos de RePo-SUDOE.

A inscripción para ambas as xornadas está aberta a profesionais do sector biomédico, persoal investigador, persoal técnico, empresas de saúde dixital, estudantes e axentes do ecosistema de innovación interesados no potencial do reposicionamiento de fármacos e nas oportunidades de cooperación europea que ofrece o proxecto.

Máis información e programa completo, neste enlace.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i  aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase  en catro  áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).