CITIC

O CITIC da UDC sitúa a biomedicina computacional no centro do reposicionamiento de fármacos

16/12/2025 - CITIC
  • Persoal investigador e profesionais déronse cita no centro TIC da UDC nunha xornada técnica do proxecto europeo RePo-SUDOE.
  • A sesión combinou presentacións científicas cunha demostración de realidade virtual e unha visita ás infraestruturas tecnolóxicas do CITIC.

A Coruña, 16 de decembro de 2025.- O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu hoxe a xornada técnica da Segunda Conferencia do proxecto europeo RePo-SUDOE, liderado na UDC polo investigador Carlos Fernández Lozano. Trátase dun encontro que puxo o foco no papel da biomedicina computacional e as tecnoloxías dixitais na procura de novas aplicacións terapéuticas para fármacos xa existentes.

A sesión, celebrada tras a clausura da conferencia principal, reuniu no CITIC a persoal investigador e profesionais do ámbito biomédico e tecnolóxico procedentes de universidades, centros de investigación e entidades do ecosistema biofarmacéutico. O obxectivo foi profundar nos traballos máis técnicos do proxecto e mostrar, de forma aplicada, como as infraestruturas e capacidades do centro contribúen ao reposicionamiento de fármacos, especialmente fronte a retos como a resistencia a medicamentos.

Ao longo da xornada presentáronse investigacións baseadas en caracterización biofísica de interaccións proteína-proteína, análise de molecular docking e simulacións computacionales orientadas a oncoloxía e á identificación de novos inhibidores fronte a resistencias antibióticas. Estas aproximacións complementáronse co uso de contornas virtuais de investigación e ferramentas de realidade virtual inmersiva para a visualización de interaccións ligando-proteína e dinámicas moleculares, unha das liñas nas que o CITIC achega un maior valor diferencial.

O programa incluíu ademais unha demostración profesional de realidade virtual aplicada á investigación biomédica e unha visita ás instalacións do CITIC, que permitiu aos asistentes coñecer de primeira man as infraestruturas tecnolóxicas e as liñas de traballo do centro en ámbitos como a computación avanzada, a intelixencia artificial e a análise de datos biomédicos.

Con esta xornada técnica, o CITIC reforza o seu papel como nodo estratéxico na intersección entre as TIC e a biomedicina, e como infraestrutura crave para a transferencia de coñecemento en proxectos europeos como RePo-SUDOE. O encontro serviu, ademais, para estreitar a colaboración entre investigadores computacionales e experimentais, un elemento clave para acelerar o reposicionamiento de fármacos e avanzar cara a terapias máis eficientes e sostibles.

A Segunda Conferencia RePo-SUDOE, celebrada os días 15 e 16 de decembro na Coruña, reuniu a máis dun centenar de profesionais do espazo SUDOE (España, Francia e Portugal), consolidándose como un foro de referencia para a análise científica, tecnolóxica e regulatoria do reposicionamiento de fármacos.

Sobre RePo-SUDOE

RePo-SUDOE é un proxecto europeo de cooperación territorial que impulsa o reposicionamiento de fármacos no espazo SUDOE mediante a integración de biomedicina computacional, investigación experimental e ciencia regulatoria. O seu obxectivo é identificar novas indicacións terapéuticas para medicamentos existentes e contribuír a un desenvolvemento biomédico máis eficiente e sostible.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i  aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase  en catro  áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).